Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O IGVS ENTREGOU TRES VIVENDAS EN BARREIROS E SORTEOU ENTRE OS ADXUDICATARIOS 30 EN FERREIRA DO VALADOURO

-     As vivendas entregadas en Barreiros son vacantes dunha adxudicación anterior e intégranse nun grupo de 21.

-     No Valadouro sorteáronse as 30 vivendas construídas entre os seus adxudicatarios, despois de que Xunta Cualificadora as adxudicase a finais de setembro

-     Nos dous casos trátase de promocións iniciadas en 2004

Santiago, 23 de novembro de 2009.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, entregou hoxe tres vivendas de promoción pública construídas no concello de Barreiros e procedeu ao sorteo entre os seus adxudicatarios das 30 construídas en Ferreira do Valadouro. Asistiu a ambos actos o Xefe Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na provincia, José María López Vega.

As tres vivendas construídas no concello de Barreiros, emprazadas no Barrio Merille, son vacantes dunha adxudicación anterior e emprázanse nun grupo de 21 vivendas de promoción pública iniciado en 2004.

As vivendas foron transmitidas por prezos que oscilan entre os 49.604,47 euros e os 57.304,80 euros. Todas contan con tres dormitorios, ademais da cociña, sala e baños, así como cunha praza de garaxe e un trasteiro. Os adxudicatarios pagarán cotas hipotecarias entre 290 e 335 euros.

Sorteo no Valadouro

Doutra banda, no concello do Valadouro procedeuse ao sorteo entre os adxudicatarios das 30 vivendas de promoción pública construídas na vila de Ferreira e correspondentes a un expediente iniciado tamén en 2004.

Seis das vivendas sorteadas contan con tres dormitorios e superficies útiles entre 82 e 83 metros cadrados. As 24 vivendas restantes son de catro dormitorios, con superficies útiles entre 89 e 90 metros cadrados. Todas contan con cociña, sala, baños, unha praza de garaxe e trasteiro.

Entre as calidades das vivendas cabe resaltar que as carpinterías exteriores son de aluminio lacado en cor e as interiores de madeira vernizada. Os pavimentos son de baldosa de gres e parqué de madeira e os alicatados realizáronse con azulexo. Tódalas vivendas contan con auga quente sanitaria e calefacción individual.

As vivendas sorteadas hoxe foron adxudicadas pola Xunta Cualificadora de Vivenda o pasado 24 de setembro. En función dos ingresos dos solicitantes, 17 das vivendas adxudicáronse en réxime de compra e as 13 restantes en réxime de alugueiro, xa que a normativa vixente obriga a adxudicar as vivendas en réxime de alugueiro aos demandantes con ingresos que non superen 1,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem).