Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A medida intégrase dentro do programa de realoxo de afectados por execucións hipotecarias posto en marcha polo Goberno galego

A XUNTA PUBLICA HOXE A ORDE QUE FACILITARÁ O ACCESO AO PLAN ALUGA ÁS FAMILIAS AFECTADAS POR DESAFIUZAMENTOS

- O Programa de Realoxo estable que se empregarán preferentemente vivendas de promoción pública e, cando se careza das mesmas, farase a través do Programa Aluga
- Ata o momento adxudicáronse 16 vivendas, todas de promoción pública propiedade do IGVS
- Outras 17 solicitudes están en tramitación
Santiago, 31 de maio de 2013. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que se determina como colectivo de atención preferente con axudas excepcionais ás persoas afectadas por execucións hipotecarias no marco do Programa Aluga.
O Programa dixírese a paliar o problema das execucións hipotecarias nas capas máis desfavorecidas da sociedade e pretende complementar as medidas instrumentadas polo Goberno central.
Coa mesma regúlanse as condicións de acceso ao Programa Aluga dos beneficiarios do Programa de Afectados por Execucións Hipotecarias, aprobado polo Consello da Xunta no pasado mes de decembro. O Programa establece que os beneficiarios de dito programa serán realoxados preferentemente en vivendas de promoción pública e, cando non se dispoña das mesmas, en vivendas do Programa Aluga.
A Orde asinada polo Conselleiro establece que serán considerados como colectivo de atención preferente no marco do Programa Aluga as persoas que se viran privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais ou extraxudiciais de execucións hipotecarias. Asemade, serán considerados colectivo prioritario ou de colectivo cualificado cando os ingresos anuais ponderados sexan inferiores a 0,7 veces o IPREM.
Os integrantes de ditos colectivos terán dereito á adxudicación directa de vivendas incorporadas ao Programa Aluga, coas seguintes subvencións sobre o prezo do aluguer:
- Ingresos inferiores a 1 vez o IPREM: 100% da renda anual do aluguer.
- Entre 1 e menos de 2 veces o IPREM: 70% da renda anual do aluguer.
- Entre 2 e ata 2,5 veces o IPREM: 60% da renda anual do aluguer.
Compre lembrar que o primeiro Consello da Xunta da actual lexislatura aprobou no pasado mes de decembro a adxudicación directa de vivendas de promoción pública aos afectados por desafiuzamentos que cumpran uns determinados requisitos, así como o inicio da tramitación para implantar medidas complementarias ao amparo do Programa Aluga, para satisfacer as necesidades onde non se dispoña de vivendas de promoción pública ou non se adapten ás necesidades das familias afectadas. En definitiva, o Goberno galego non só se preocupa senón que tamén se está a ocupar desta situación dende o primeiro momento.
A Xunta de Galicia manterá esta política de actuación, a de dispoñer medidas dentro das súas posibilidades, e sempre conforme a criterios de racionalidade e proporcionalidade, a seguir contribuíndo a paliar os problemas causados polos desafiuzamentos.
Dende a creación do Programa de Realoxo de Afectados por Execucións Hipotecarias xa foron adxudicadas 16 vivendas a outros tantos solicitantes, das que 12 corresponden á provincia de Pontevedra e catro á da Coruña. Outras 17 solicitudes están en tramitación, 11 na provincia de Pontevedra e seis na da Coruña. Polo momento todas as solicitudes foron atendidas a través de vivendas de promoción pública propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Nas provincias de Lugo e Ourense non se rexistraron solicitudes.
Outras actuacións da Xunta de Galicia
A Xunta de Galicia, no ámbito das súas competencias, xa introduciu medidas específicas na Lei de vivenda dirixidas a paliar os efectos das execucións hipotecarias.
Así, a Lei regula as vivendas de inserción ou asistenciais. Trátase de vivendas de promoción pública promovidas en colaboración entre o IGVS e administracións públicas ou entidades sen ánimo de lucro que leven a cabo actividades e programas de carácter social, para que poidan dispoñer de vivendas e destinalas a persoas que requiran especial atención polas súas circunstancias persoais, económicas ou sociais.
Tamén no eido da vivenda de promoción pública, o artigo 54 establece a posibilidade de aprazar ou fraccionar o pagamento das vivendas no caso de imposibilidade acreditada de pagamento da vivenda de promoción pública por unha situación transitoria de precariedade económica.
Polo que respecta ás vivendas de protección autonómica (de promoción privada), a Lei de vivenda posibilita a adquisición das ditas vivendas por parte de entidades financeiras, mentres que ata o de agora os propietarios das vivendas protexidas so podían ser persoas físicas.