Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O xurado do concurso de ideas reuniuse hoxe para iniciar o procedemento de elección da proposta gañadora

A XUNTA RECIBE 21 PROPOSTAS PARA A REURBANIZACIÓN DO BARRIO PONTEVEDRÉS DE MONTEPORREIRO

-         O xurado volverá a reunirse o próximo mércores, 14 de outubro, para continuar coa avaliación dos proxectos presentados.

-         No xurado están representados o IGVS, o Concello de Pontevedra, os colexios oficiais de arquitectos e enxeñeiros e a Asociación de Veciños de Monteporreiro.

-         O concurso vai dirixido a seleccionar unha proposta para a reurbanización do barrio de Monteporreiro.

-         A actual Xunta tivo que iniciar de novo o proceso cun prego de condicións que rectifica os erros do realizado polo Goberno anterior

-         Tamén se cambian algúns criterios da actuación, valorando especialmente os aspectos ligados á mellora de servizos neste barrio pontevedrés

Santiago, 9 de outubro de 2009.- O proxecto gañador do concurso de ideas para o barrio de Monteporreiro, en Pontevedra, sairá de entre as 21 propostas presentadas ao Instituto Galego da Vivenda e Solo. Hoxe abríronse as plicas do concurso, na primeira reunión do xurado que decidirá a proposta gañadora. O xurado volverá a reunirse o próximo mércores, 14 de outubro, para continuar coa avaliación dos proxectos presentados.

xurado, no que se atopan representados o IGVS, o concello de Pontevedra (Rosa Magdalena Fernández), os colexios oficiais de Arquitectos (María José Fariña Busto) e Enxeñeiros (Francisco Alonso Fernández) e a asociación de veciños de Monteporreiro (Angel Mario Lago Serafín), deberá seleccionar a mellor proposta en función da súa calidade urbanística, arquitectónica e viabilidade técnica e económica.

A actuación ten a  finalidade de mellorar o espazo público do barrio de Monteporreiro, dotándoo de carácter propio, e céntrase na praza formada polos edificios de vivendas de promoción pública construídas no seu día polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Cómpre lembrar que a actual Xunta atopouse paralizado o proceso de urbanización do barrio de Monteporreiro, xa que o prego do concurso elaborado pola anterior Consellería de Vivenda contiña erros que provocaron a suspensión do procedemento. A actual Xunta tivo que iniciar de novo o proceso cun prego de condicións que rectifica os erros do realizado polo Goberno bipartito. Tamén se cambian algúns criterios da actuación, valorando especialmente os aspectos ligados á mellora de servizos neste barrio pontevedrés.

Os elementos sobre os que se prevé actuar no barrio, segundo o prego de prescricións técnicas do concurso, son os seguintes:

Tratamento en superficie do soterramento das liñas de alta e media tensión existentes no polígono . A existencia de ditas liñas, a súa proximidade ás vivendas e o emprazamento das torretas en pleno espazo público crea unha situación non aceptable para o barrio. O soterramento das liñas está previsto a través dunha actuación conxunta entre o Concello e a empresa subministradora, polo que o proxecto deberá ter en conta o tratamento da zona pola que actualmente descorren ditas liñas.

Humanización da praza central do polígono . Na praza central do polígono diferenciarase a zona más próxima ás vivendas da parte central da mesma, que se destinará a zonas de reunión e xogos de nenos segundo idades.

Reurbanización e adecuación dos espazos públicos . Tratamentos de espazos residuais existentes entre os bloques de vivendas que permitan un uso axeitado dos mesmos polos veciños, así como a creación de novos espazos para xardín, limitando as zonas públicas e as privadas.

Deseño dunha nova sección viaria .  Resolver a distribución de tráfico rodado e peonil, o espazo destinado a aparcamento de vehículos, así como os elementos de mobiliario urbano, arborado e iluminación axeitada a unha zona residencial.

Deseño da rede de saneamento . Resolverase a evacuación de augas mediante unha rede separativa de augas pluviais e fecais, co tratamento, se é necesario, das augas pluviais.

Creación dun gran parque no ámbito do Mirador . Nesta zona preténdese a creación dun espazo de ocio  coa implantación de especies vexetais autóctonas e a creación de diferentes espazos para o desenvolvemento de actividades ao ar libre, zonas de xogo, circuíto biosaúdable para a práctica de exercicios que permitan manter a forma física.

Integración dun anfiteatro para espectáculos no Mirador . O proxecto deberá contemplar a posibilidade, orientativa, de integración dun anfiteatro, que deberá constituír un espazo de relación, reunión e celebración de actividades culturais, aproveitando tanto a topografía da zona como as vistas sobre o territorio.

Mellora das conexións, en especial peonís e con bicicleta, entre o barrio de Monteporreiro e a cidade de Pontevedra . O proxecto terá en conta a existencia dunha senda fluvial cunha sección de 2-2,5 metros na marxe esquerda do río Lérez, que conecta Monteporreiro co resto da cidade.

Tres premios

O concurso outrogará tres premios, dotados con 30.000, 15.000 e 6.000 euros respectivamente. Ademais, ao gañador do primeiro premio encargaráselle a redacción do proxecto básico e de execución, por un importe máximo de 70.000 euros (IVE incluído) e un prazo de tres meses para a súa redacción. O gañador tamén poderá optar ao contrato para a dirección da obra.

Impugnación resolta

O xurado do concurso reuniuse despois de que se resolvese a impugnación presentada polo Colexio de Enxeneiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia contra o prego inicial do concurso, elaborado pola extinta Consellería de Vivenda.

En dito prego establecíase que ao concurso poderían presentarse equipos multidisciplinares, pero sempre deberían estar encabezados por un arquitecto. O Colexio de Enxeñeiros impugnou esa obriga de que os equipos estiveran sempre encabezados por un arquitecto e reclamaba que tamén puideran ser dirixidos por un enxeñeiro. Esta alegación obrigou a suspender a tramitación do concurso por medio dunha resolución publicada no Diario Oficial de Galicia do 11 de xuño de 2009. O procedemento reiniciouse unha vez foi emendado dito erro no prego do mesmo.