Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE SORTEA 14 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA EN FRIOL (LUGO)

-         Trátase de vivendas unifamiliares, de 90 metros cadrados de superficie útil e tres dormitorios

-         O IGVS investiu máis de 1,3 millóns de euros na súa construción

-         O expediente para a construción destas 14 vivendas de promoción pública iniciouse en 2004

 
Santiago, 3 de novembro de 2009.-  A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), sorteará entre os seus adxudicatarios 14 vivendas de promoción pública construídas por este organismo no concello de Friol. O sorteo levarase a cabo mañá mércores, 4 de novembro, no concello lucense de Friol. 

As vivendas a sortear son 14 vivendas unifamiliares de promoción pública incluídas nun expediente iniciado en 2004 e en cuxa construción o IGVS investiu un total de 1.320.183,24  euros. 

As vivendas contan cunha superficie útil de 90 metros cadrados e tres dormitorios. Todas contan ademais cunha praza de garaxe e un trasteiro. 

Materiais

Entre os materiais empregados na súa construción cabe salientar pavimentos de plaqueta de gres e tarima flotante, alicatados realizados con azulexo, carpintería interior de  madeira vernizada e exterior de aluminio lacado en cor branca. Tódalas vivendas contan con auga quente sanitaria e calefacción individual por gas. 

Con posterioridade ao sorteo o IGVS comunicará de forma individual a cada adxudicatario as condicións económicas correspondentes, tanto para os adxudicatarios en compravenda como en alugueiro, xa que a normativa vixente obriga a que se adxudiquen en réxime de alugueiro as vivendas correspondentes a familias con ingresos que non superen 1,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM). 

Os adxudicatarios en réxime de compravenda disporán do prazo dun mes, contado a partir da recepción da comunicación, para facer efectivo o importe correspondente ao IVE e gastos de notaría e rexistro.