Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O DESENVOLVEMENTO DO SOLO PENDENTE EN SAN PAIO DE NAVIA PERMITIRÁ CONSTRUIR UNHAS 600 NOVAS VIVENDAS PROTEXIDAS, QUE SE ENGADIRÁN ÁS MÁIS DE 3.700 REALIZADAS NAS FASES ANTERIORES

-         O IGVS encargará a redacción da modificación do Plan Parcial, que afecta ás etapas 3 (fase B), 4, 5 e 6, para adaptalas ao PXOU

-         As obras da zona verde de San Paio de Navia e as 384 vivendas de promoción pública remataranse a comezos do próximo ano


Santiago, 4 de novembro de 2009.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo impulsará as actuacións pendentes en San Paio de Navia, como son a fase B da terceira etapa e as etapas cuarta, quinta e sexta, así como o remate da zona verde e as vivendas de promoción pública que o organismo autonómico está a construír na zona. O orzamento do IGVS para 2010 inclúe unha partida de 4.968.955 euros destinados a San Paio de Navia

Con tal motivo, e co obxecto de coordinar as actuacións co Concello, o director xeral do IGVS, Antonio Boné Pina, mantivo hoxe unha reunión en Vigo co alcalde da cidade, Abel Caballero. 

Na xuntanza tratouse sobre os termos da modificación do Plan Parcial de San Paio de Navia que deberá realizar o IGVS para adaptalo ao novo Plan Xeral de Ordenación Urbana de Vigo (PXOU) e ás novas normativas urbanísticas vixentes. 

A modificación do Plan Parcial afecta ás etapas terceira (fase B), cuarta, quinta e sexta, que suman un total de 259.947 metros cadrados pendentes de desenvolvemento. Os traballos para a modificación de dito Plan serán executados pola empresa pública Xestur Pontevedra. O solo pendente de desenvolver permitirá construír arredor de 600 novas vivendas protexidas, que se engadirán ás máis de 3.700 xa construídas ou en fase de construción nas fases anteriores. 

Na xuntanza tamén se falou dos avances nas obras de urbanización da zona verde de San Paio de Navia, que se prevé rematen a comezos de 2010, unha vez que en outubro se desbloqueou a situación herdada do anterior goberno, con obras realizadas fora de proxecto e sen consignación orzamentaria. 

A zona verde de San Paio de Navia ocupa unha superficie de 89.217 metros cadrados, dos que 24.729 metros corresponden a prazas e os 64.488 restantes a paseos e bosque. 

O director xeral do IGVS tamén informou ao alcalde de Vigo de que para comezos de 2010 se prevé o remate da construción das 384 vivendas de promoción pública que se están a edificar en Navia, un proxecto iniciado en 2005 polo goberno anterior ao bipartito. 

Paralelamente á construción das vivendas estase a elaborar a lista de adxudicatarios, un procedemento longo e complicado, xa que os técnicos do IGVS tiveron que requirir aos adxudicatarios documentación complementaria á presentada, requirimento que en moitos casos xa se fixo tres veces. A lista de adxudicatarios de San Paio de Navia ten a complicación engadida de que procede dun sorteo realizado a partir do Rexistro de Demandantes creado polo goberno anterior, polo que a comprobación do cumprimento dos requisitos realizase con posterioridade ao sorteo e non antes da inscrición no Rexistro, como se fará unha vez quede aprobada a modificación do mesmo. 

A través das lista que aprobará a Xunta Cualificadora adxudicaranse 343 das 384 vivendas en construción, posto que as 41 restantes se destinarán a realoxos de unidades familiares anteriormente residentes na zona e que foron afectadas polo desenvolvemento do plan parcial de San Paio de Navia e cesión ao Concello de Vigo en aplicación da normativa vixente. 

Orzamento

O orzamento do Instituto Galego da Vivenda e Solo para 2010 inclúen un total de 18.648.564 euros destinados a Vigo. 

A construción de vivendas de promoción pública (San Paio de Navia e As Roteas) recibirá un total de 9 millóns de euros, que se suman aos 4.968.955 euros destinados ao remate dos traballos pendentes en San Paio de Navia e ás etapas 3 (fase B), 4, 5 e 6 de San Paio de Navia. 

Á rehabilitación do casco vello de Vigo destináranse tres millóns de euros e á reparación de vivendas de promoción pública 1.679.609 euros.