Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O IGVS ADXUDICOU A REDACCIÓN DO PROXECTO DE 40 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA NA RÚA XOÁN XXIII, EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

-    Construiranse nove vivendas de dous dormitorios e 31 de un dormitorio

-    O investimento previsto supera os 2,6 millóns de euros.

Santiago, 3 de novembro de 2009.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, construirá 40 vivendas de promoción pública na parcela da súa propiedade emprazada na rúa Xoán XXIII, en Santiago de Compostela, na esquina entre as rúas Xoan XXIII e Costa Nova. 

O IGVS adxudicou a redacción do proxecto de dita obra ao equipo formado por Alberto Noguerol e Pilar Díez. Da proposta presentada polos gañadores a mesa de contratación tivo en conta a concepción global do edificio que permite á maior parte das vivendas orientarse cara a rúa de Xoán XXIII, facilitando mellores vistas e aseitado asollamento. 

Asemade, foi valorado o elegante xeito en que a proposta resolve o encontro coas edificacións tradicionais da Costa Nova, mediante a construción dunha peza de edificación que, respectando a escala das edificacións existentes, remata a mazá aberta que estas conforman. A parcela non edificada ábrese á rúa da Costa Vella neste punto, separando de dita edificación o corpo principal da edificación que se orienta cara a rúa Xoán XXIII. 

Finalmente tívose en conta a axeitada distribución das vivendas, que garante unha óptima funcionalidade das mesmas independizando as zonas de servizo (cociña, tendal, etc) da zona de estar e permitindo o uso alternativo dos espazos principais mediante a posibilidade de integración do dormitorio no ámbito da estanza principal.

Preto de 3 millóns

O investimento estimado para a construción das 40 vivendas de Xoán XXI ascende a 2.676.498 euros IVE incluído. 

Construiranse nove vivendas de dous dormitorios, cunha superficie útil entre 60 e 65 metros cadrados e 31 vivendas de un dormitorio, cunha superficie útil arredor de 50 metros cadrados. 

O expediente para a redacción do proxecto e obra da construción destas vivendas iniciouse en 2003, pero foi paralizado en 2005 pola Consellería de Vivenda, que en catro ano so foi capaz de convocar un concurso de ideas e pechar a parcela cunha valla publicitaria.