-
As obras serán financiadas e executadas por Xestur Pontevedra co obxectivo de que estean
rematadas en xullo de 2010
-
As obras de urbanización do parque están rematadas, pero o goberno anterior non se ocupou dos
seus accesos
-
O investimento total, incluídos accesos, é de 49 millóns de euros
-
Está reservado o 70 por cento do solo posto á venda
Santiago, 19 de novembro de 2009.- O parque empresarial da Veigadaña, no concello de Mos, quedará operativo no próximo mes de
xullo de 2010, unha vez que o Consello da Xunta aprobou esta mañá a modificación puntual do
proxecto sectorial e do proxecto de urbanización do dito parque para facilitar os seus
accesos.
A anterior Consellería de Vivenda e Solo e os responsables de Xestur Pontevedra durante o
bipartito non se ocuparon dos accesos ao polígono empresarial de Mos, de maneira que o parque se
atopa rematado dende hai meses pero sen posibilidades de poñelo en servizo polas dificultades de
acceso. Foi a actual Administración a que se tivo que ocupar de buscar unha solución aos problemas
e redactar e tramitar a modificación do planeamento que agora se aproba.
Esta modificación do proxecto sectorial e do proxecto de urbanización permitirá construír os
accesos ao parque empresarial a través da estrada N-500, que conecta coa autovía A-52 a uns dous
quilómetros do parque. A alternativa a este enlace era o tránsito por unha estrada local sen
capacidade para asumir o tráfico xerado polas industrias que se instalarán no parque empresarial e
ademais provocaría unha importante afección dos núcleos de poboación próximos, que terían que
soportar un elevado tráfico de vehículos pesados, co conseguinte incremento de contaminación
acústica e atmosférica.
As obras suporán un investimento de 6 millóns de euros, que serán financiados por Xestur
Pontevedra, organismo que ademais será o encargado de executar esta actuación.
Co visto e prace desta modificación puntual procederase á redacción e tramitación do proxecto
de expropiación, que se prevé estea aprobado no mes de xaneiro de 2010, para de seguido executar as
obras de construcións dos enlaces, obras que serán realizadas pola mesma unión temporal de empresas
que levou a cabo a urbanización do parque empresarial, prevéndose o remate para xullo de
2010.
49 millóns de euros
O investimento realizado pola empresa pública Xestur Pontevedra neste parque empresarial
acadará os 49 millóns de euros cando se rematen os accesos. Na actualidade só queda por executar un
investimento de seis millóns de euros, que corresponden integramente aos accesos pendentes.
Na actualidade está reservado arredor do 70 por cento do solo industrial do parque
empresarial e estase a proceder á venda das parcelas, unha vez que se obtivo a licenza de
reparcelación.
77 hectáreas
O parque empresarial de Mos ocupa unha superficie total de 776.023 metros cadrados, dos cales
corresponden a uso industrial 393.239 metros cadrados. A distribución total da superficie do parque
empresarial é a seguinte:
SUPERFICIE
|
METROS CADRADOS
|
Industrial, comercial e de uso terciario
|
393.239,00
|
Equipamentos
|
17.618,00
|
Espazos libres e zonas verdes
|
296.417,00
|
Viario e aparcamentos
|
64.980,00
|
Outras
|
3.769,00
|
TOTAL
|
776.023,00
|