Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O DIRECTOR XERAL DO IGVS INFORMOU A DÚAS COOPERATIVAS DE VIVENDAS DE VIGO SOBRE OS PROXECTOS DO ORGANISMO PARA AS ÚLTIMAS FASES DE SAN PAIO DE NAVIA

-    Antes de adquirir e urbanizar o solo será preciso aprobar a modificación puntual do Plan Parcial para a súa adaptación ao novo PXOU de Vigo e á normativa urbanística vixente

-    Nas etapas 3-b, 4, 5 e 6 poderán construírse arredor de 600 novas vivendas, entre unifamiliares e colectivas de baixa densidade

Santiago, 24 de novembro de 2009.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, continuará co desenvolvemento de solo residencial en San Paio de Navia ata completar as fases 3-B, 4, 5 e 6 que están pendentes, segundo lles explicou está mañá o director xeral deste organismo, Antonio Boné, aos representantes das cooperativas de vivendas Covinavia e Covigo 2002, nunha reunión celebrada na sede do IGVS.

Boné explicou que para poder continuar co desenvolvemento de solo en San Paio de Navia é preciso previamente modificar puntualmente o Plan Parcial do polígono, co obxectivo de adaptalo ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Vigo e á normativa urbanística vixente na actualidade. Co obxectivo de axilizar a tramitación prevese a posibilidade de que cada unha das fases pendentes se poida desenvolver independente das demais.

Nas fases pendentes de desenvolvemento en San Paio de Navia poderán construírse arredor de 600 novas vivendas entre unifamiliares e vivenda colectiva de baixa densidade.

Unha vez que a modificación puntual do Plan Parcial quede aprobada definitivamente poderase proceder á redacción do proxecto de expropiación que permita ao Instituto Galego da Vivenda e Solo adquirir as propiedades sobre as que se vai desenvolver a actuación. Na actualidade o IGVS é xa propietario dunha parte do ámbito.