Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

HERNÁNDEZ PRESENTA NO PARLAMENTO UN NOVO PLAN DE SOLO EMPRESARIAL PARA INCREMENTAR A SUPERFICIE DISPOÑIBLE NUN 134% EN CATRO ANOS

-     Agustín Hernández compareceu hoxe no Pleno do Parlamento, onde presentou o informe sobre a situación actual do solo empresarial en Galicia e as directrices do novo Plan

-      Entre 2009 e 2012 crearanse máis de 18,4 millóns de metros cadrados de solo, que inducirán un investimento por parte das empresas de máis de 2.300 millóns de euros e a creación de arredor de 61.000 empregos.

-      Entre 2012 e 1015 prevese a creación de máis de 36 millóns de metros cadrados

-      O obxectivo é que en 2015 Galicia conte con máis de 68 millóns de metros cadrados de solo empresarial dependente da Xunta de Galicia

-      As vendas de solo empresarial incentivaranse cun novo prego de bases, que flexibiliza as esixencias aos compradores.

-      Facilitarase o pago aprazado do solo empresarial, mentres que ata o de agora so era posible o pago ao contado

Santiago, 9 de decembro de 2009.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, destacou hoxe no Parlamento galego que o novo Plan de Solo Empresarial que está a elaborar a Xunta está dirixido a administrar de forma racional a superficie industrial de Galicia, axustando a dispoñibilidade de solo á demanda existente e ás condicións do mercado. O titular de Infraestruturas informou que se priorizarán as actuacións en función dunha planificación realista e activaranse medidas para simplificar e facer máis atractiva a adquisición de solo.

Destacou que se trata dunhas medidas que se fan indispensables nuns momentos onde máis que nunca é preciso animar a economía e ampliar as posibilidades de axuda aos emprendedores, pero tamén extremar as cautelas no emprego de fondos públicos, tratando de conxugar eficacia e eficiencia na procura da maior rendibilidade.

A nova planificación do Goberno pretende facer dos parques empresariais, ademais de importantes enclaves para a ordenación territorial e para a protección do medio natural e a paisaxe, verdadeiros motores que consoliden e impulsen de forma efectiva a economía e o emprego na nosa Comunidade.

Con esta dotación de solo búscase un dobre obxectivo: satisfacer as necesidades das empresas e dos novos emprendedores, tratando de impedir que non se perdan investimentos por esta causa; e contribuír a unha mellora na ordenación territorial, propiciando a concentración deste tipo de actividades, con positivas repercusións para a dotación de servizos de todo tipo e a consecuente mellora ambiental e paisaxística.

Plan de Solo Empresarial

A planificación será global, de forma conxunta para a totalidade do territorio e integrada nos instrumentos de planificación en tramitación: as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral. Ademais, establecerase unha priorización das actuacións, así como o desenvolvemento das previstas por fases, co obxecto de adecualas á demanda, con dous horizontes no ano 2012 e 2015. Hernández anunciou que espera ter aprobada a avaliación ambiental estratéxica deste plan no primeiro trimestre de 2010.

O conselleiro destacou que o novo Plan de Solo Empresarial  recollerá as actuacións do anterior plan, elaborado en 2004, e novas actuacións co obxectivo de contar en 2012 cunha superficie total de solo empresarial de máis de 32,1 millóns de metros cadrados e incrementala ata os 68,8 millóns de metros cadrados para 2015.

Coa posta en marcha desta planificación acadaranse os seguintes obxectivos:
 
 

ANO 2009
(xa existentes)

A EXECUTAR 2009/2012
TOTAL 2012
A EXECUTAR 2012/2015
TOTAL 2015
Nº PARQUES
92
36
128
65
193
SUPERFICIE m 2
13.755.789
18.415.424
32.171.213
36.689.721
68.860.934
 

Deste xeito, no ano 2012 a superficie empresarial dispoñible incrementarase nun 134%, pasando dos 13,7 millóns de metros cadrados actuais aos 32,1 millóns dentro de catro anos. Ao mesmo tempo, e sempre coa premisa do axuste ás necesidades reais, contémplase, no horizonte final de 2015, incrementar a superficie dispoñible noutros 36 millóns de metros cadrados (un 114% respecto ás previsións do 2012 e un 400% respecto da superficie dispoñible na actualidade), alcanzando os 68,8 millóns de metros cadrados no conxunto de Galicia.

O investimento previsto para o desenvolvemento destes parques no período 2009-2012 ascende a 373 millóns de euros. As empresas que se asenten sobre o mesmo poderían crear arredor de 61.000 empregos, cun investimento en construción de instalacións e equipamentos de máis de 2.300 millóns de euros.

Situación actual

Na actualidade os parques dependentes da Xunta de Galicia ocupan un total de 13.755.789 metros cadrados, dos que 8.148.295 son de uso industrial e comercial, estando dispoñibles para venda 1.309.625 metros cadrados, o que supón algo máis do 16 por cento do total. A venda e posta en servizo deste solo podería dar lugar á creación de entre 6.000 e 9.000 empregos.

Asemade están en construción outros 19 parques empresariais, con 13.127.609 metros cadrados de superficie total, nos que a superficie de uso industrial e comercial será de 7.394.606 metros cadrados. Os parques en construción actualmente supoñen incrementar nun 95 por cento a superficie de solo empresarial existente dependente da Xunta de Galicia.

Finalmente, existen 5.368.659 metros cadrados de superficie total en futuros parques con planeamento aprobado e 36.608.877 en parques en tramitación.

Novo prego de bases

Por outra parte o Instituto Galego da Vivenda e Solo e as empresas públicas Xestur elaboraron un novo prego de bases que rexerá os concursos de venda das parcelas da súa propiedade nos parques empresariais.

Este novo prego de bases busca a adaptación das condicións de venda de solo á situación actual de crise económica, de maneira que se flexibilizan as condicións que deben cumprir os adquirentes de ditas parcelas e as condicións de pago das mesmas, facilitando así a adquisición de solo produtivo polas empresas sen descoidar as garantías necesarias e sen que as condicións impostas supoñan un lastre para os adquirentes que poida chegar a impedir a implantación de novas empresas, ampliación das xa existentes ou traslado das mesmas.

Unha as principais novidades que supón o novo prego de bases é a flexibilización das formas de pago do solo adquirido. Ata o de agora esixíase o pago do 25 por cento do importe da parcela no momento da sinatura da opción de compra da mesma e o 75 por cento restante na sinatura da escritura pública de compravenda. Co novo prego manterase a posibilidade de pago ao contado pero tamén se permitirá aprazar o pagamento do importe da venda. Desta maneira, os adquirentes de solo empresarial non terán que facer ningún desembolso ata a sinatura da escritura pública de compravenda, momento no que deberán abonar o 30 por cento do importe, podendo aprazar o 70 por cento restante durante tres anos, co pagamento dos intereses legais e garantindo o pago mediante aval.

No caso de que a empresa que tiña solo reservado con contrato asinado non se presentase á sinatura da escritura de compravenda penalizábase cun 10 por cento do importe de adxudicación, a deducir do 25 por cento xa entregado. Co novo prego a penalización será do 2 por cento.

Outra das novidades importantes refírese ao prazo para solicitar as licencias municipais de edificación e actividade. Os pregos aplicados anteriormente impoñían o prazo máximo dun ano para obter ditas licencias, establecendo unha penalización do 20 por cento sobre o prezo da parcela no caso de que non se cumprira este requisito. O novo prego aumenta o prazo para a solicitude das licencias ata dous anos, inda que mantén a penalización do 20 por cento no caso de incumprimento.

Tamén de carácter económico é a modificación do importe da fianza que se debe depositar para participar no concurso de compravenda de solo empresarial. Ata o de agora ese importe equivalía ao 5 por cento do importe de licitación mentres que co novo prego será o 2 por cento de dito importe, sen IVE.

Outras modificacións do prego de bases refírense á documentación que deben presentar os participantes no concurso de venda de solo empresarial, aos criterios de adxudicación, que se modifican lixeiramente para facelos máis obxectivos, e ás penalizacións nos casos de incumprir determinados requisitos do prego, penalizacións que se reducen.