Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A COMISIÓN PROVINCIAL DE VIVENDA INICIOU HOXE O PROCEDEMENTO PARA ADXUDICACIÓN DE VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA EN PORRIÑO E CANGAS E APROBOU LISTAS EN COTOBADE E MONTEPORREIRO

-       Tamén decidiu que o 19 de xaneiro se iniciará o proceso para a adxudicación de 15 vivendas en Ribadumia

-       No Porriño son 32 vivendas e en Cangas 12, construídas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo

-       En Ribadumia son 15 vivendas, cun investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

-       En Cotobade adxudícanse definitiva mente 5 vivendas, nas que se investiron preto de medio millón de euros.

-       En Monteporreiro apróbase a lista provisional de 11 vivendas en segunda adxudicación

Santiago, 11 de decembro de 2009.- A Comisión Provincial de Vivenda iniciou hoxe o procedemento para a adxudicación de vivendas de promoción pública construídas nos concellos de Porriño, Cangas do Morrazo e aprobou a lista provisional de Monteporreiro e a definitiva de Cotobade. Toda a información sobre as listas estará dispoñible na web do IGVS (www.igvs.es). No caso dos procedementos que se inician hoxe, proximamente se realizará o sorteo entre os inscritos no rexistro de demandantes, abríndose entón un prazo para a presentación de documentación. 

A Comisión tamén decidiu que o 19 de xaneiro próximo se iniciará o proceso para o sorteo e adxudicación de 15 vivendas en Ribadumia, no que poderán participar tódolos inscritos no Rexistro de Demandantes ata esa data.

Porriño

No Porriño son 32 as vivendas de promoción pública que se adxudicarán, construídas no Polígono de Torneiros polo IGVS cun investimento de 2.477.598,82 euros.

Seis das vivendas dispoñen de catro dormitorios, cunha superficie útil de 90 metros cadrados; 13 teñen tres dormitorios e 82 metros cadrados de superficie útil e outras 13 teñen dous dormitorios e superficie útil superior a 62 metros cadrados. Tódalas vivendas contan con estar-comedor, cociña, baños, trasteiro e praza de garaxe.

As vivendas contan con carpintería exterior de aluminio lacado e interior de madeira de carballo, con porta maciza de carballo na entrada. Os chans son de tarima flotante nos dormitorios e baldosa cerámica no resto da vivenda.

Tódalas vivendas contan con calefacción e auga quente sanitaria individual, con caldeira de gas individual. O edificio está dotado de paneis de alto rendemento de enerxía solar para a produción de auga quente.

Cangas do Morrazo

En Cangas do Morrazo son 12 as vivendas de promoción pública que se atopan en construción e para as que se inicia o procedemento de adxudicación. Trátase de vivendas promovidas polo IGVS na Choupana, cun investimento de 1.535.368,16 euros.

Oito das vivendas dispoñen de tres dormitorios, cunha superficie útil de máis de 85 metros cadrados e as catro vivendas restantes teñen dous dormitorios, con máis de 66 metros cadrados de superficie útil. Tódalas vivendas contan con estar-comedor, cociña, baños, trasteiro e praza de garaxe.

Nos baixos do edificio existen ademais catro locais comerciais, con superficies entre 71 e 103 metros cadrados, e un local destinado á comunidade de veciños, de 16,65 metros cadrados.

As vivendas contan con carpintería exterior de aluminio anodizado mate, con persianas de aluminio térmico. A carpintería interior é de madeira de faia e aporta de acceso ás vivendas é blindada, tamén en madeira de faia.

As vivendas contan con calefacción e auga quente sanitaria con caldeira individual e o edificio está dotado de placas de captación de enerxía solar para a produción de auga quente.

Cotobade

En Cotobade son cinco as vivendas de promoción pública que se adxudican de forma definitiva, construídas en Barrantes por Xestur Pontevedra a través dunha encomenda do IGVS cun investimento de 446.691,48 euros, máis outros 48.430,74 destinados a obras de urbanización da parcela na que se asentan.

Trátase de vivendas de madeira prefabricadas e instaladas sobre muros de formigón. Tres das vivendas dispoñen de un dormitorio e máis de 55 metros cadrados de superficie útil e as dúas restantes teñen tres dormitorios e 95 metros cadrados de superficie útil.

Monteporreiro

En Monteporreiro (Pontevedra) son 11 as vivendas de promoción pública adxudicadas provisionalmente. Trátase da segunda ou posterior adxudicación destas vivendas, promovidas no seu momento polo Instituto Galego da Vivenda e Solo. 

Ribadumia

O proceso para a adxudicación das 15 vivendas de promoción pública que están sendo construídas polo IGVS en Barrantes (Ribadumia) cun investimento de 1.456.797,72  euros, iniciarase o próximo 19 de xaneiro. Entrarán no sorteo tódolos inscritos ata esa data no Rexistro de Demandantes.

Catro das vivendas dispoñen de catro dormitorios, cunha superficie útil de máis de 85 metros cadrados; oito teñen tres dormitorios e superficie útil entre 71 e 77 metros cadrados e outras tres teñen dous dormitorios e superficie útil superior a 60 metros cadrados. Tódalas vivendas contan con estar-comedor, cociña, baños, trasteiro e praza de garaxe.

As vivendas contan con carpintería exterior de aluminio anodizado e interior de taboleiro DM pintado, con porta blindada de madeira de pino na entrada.

Tódalas vivendas contan con calefacción por chan radiante e auga quente sanitaria individual, con caldeira de gasóleo individual. O edificio está dotado de paneis captadores de enerxía solar para a produción de auga quente.