Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA DE GALICIA ENTREGOU 16 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA CONSTRUÍDAS NO CONCELLO DE BECERREÁ

-    As vivendas emprázanse nun grupo de 45, en cuxa construción o IGVS investiu máis de tres millóns de euros

-    A entrega foi realizada polo director xeral do IGVS, Antonio Boné.

-     Dez vivendas adxudicáronse en réxime de alugueiro e seis en compravenda.

Santiago, 21 de decembro de 2009.- O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Antonio Boné, entregou hoxe en Becerreá 16 vivendas de promoción pública construídas polo IGVS nesta localidade lucense.

As vivendas entregadas aos seus adxudicatarios emprázanse nun grupo de 45 vivendas construídas en Becerreá, no que quedan vacantes outras 29 vivendas que serán adxudicadas a través do Rexistro de Demandantes por medio dun sorteo entre tódolos solicitantes inscritos en dito rexistro na data en que comece o proceso para o sorteo e adxudicación.

Das 16 vivendas entregadas hoxe, seis foron adxudicadas en réxime de compravenda e 1o en réxime de alugueiro, tal como establece a normativa vixente, que obriga á adxudicación en alugueiro das vivendas correspondentes a familias con ingresos que non superen 1,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).

O réxime de adxudicación de 10 destas vivendas é o de aluguer, con rendas que oscilan entre os 113 e 139 euros ao mes, e o das outras seis vivendas é o de compravenda, fixándose os prezos entre 49.908 e 58.171 euros, dependendo das características do inmoble. En total, arredor de medio cento de veciños da localidade vense beneficiados por esta actuación, que lles permitirá contar cun fogar novo. O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) investiu 3.068.000 euros nesta promoción de vivendas, polo que o investimento medio por vivenda realizado polo IGVS supera os 68.000 euros.

A meirande parte das 45 vivendas de promoción pública construídas en Becerreá dispoñen de 3 dormitorios e superficie útil entre 81 e 85 metros cadrados. Son 37 as vivendas que responden a esta configuración, existindo outras sete con catro dormitorios e 90 metros cadrados de superficie útil e unha, adaptada para o uso de persoas con minusvalías, que tamén conta con catro dormitorios e unha superficie útil de 99 metros cadrados.

Tódalas vivendas contan con estar-comedor, cociña, baños, trasteiro e praza de garaxe.