Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A COMISIÓN PROVINCIAL DE VIVENDA APROBOU A LISTA DEFINITIVA FIRME DE ADXUDICATARIOS DE 54 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA CONSTRUÍDAS EN SALGUEIRIÑOS, EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

-     Estará exposta na web do IGVS e nos taboleiros do Concello de Santiago e da xefatura provincial do IGVS na Coruña durante o prazo dun mes

-     Contra esta lista non se poden presentar recursos administrativos, quedando aberta a vía do contencioso-administrativo

Santiago, 3 de febreiro de 2010.- A Comisión Provincial de Vivenda aprobou a lista definitiva firma de adxudicatarios e de espera das 54 vivendas de promoción pública construídas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), en Salgueiriños no Concello de Santiago. A mesma Comisión aprobara a lista definitiva o pasado 21 de decembro, data na que se anunciou que a lista firme se faría pública neste mes de febreiro.

A lista definitiva firme permanecerá exposta durante un mes na web do IGVS (http://igvs.es/web/actuamos/adxudicacion-sorteos-vpp) e nos taboleiros do Concello de Santiago e da xefatura provincial do IGVS na Coruña. Con esta lista remata a tramitación administrativa da mesma, polo que non caben reclamacións nin recursos administrativos, quedando aberta a vía do recurso contencioso-administrativo para os interesados que se consideren prexudicados.

As 54 vivendas de promoción pública construídas en Salgueiriños emprázanse nunha parcela urbanizada polo propio IGVS e corresponden a un expediente iniciado en 2003. A obra de construción foi adxudicada por un importe de 3.220.510,99 euros.

A meirande parte das vivendas construídas contan con tres dormitorios e unha superficie útil de 80 metros cadrados. Son 31 as vivendas que responden a esta configuración, mentres que outras 13 dispoñen de dous dormitorios e 65 metros cadrados de superficie útil e as 10 restantes teñen catro dormitorios e 90 metros cadrados de superficie útil.

Tódalas vivendas contan con cociña, tendedeira, estar-comedor, baños, unha praza de garaxe e un trasteiro.