Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O IGVS CONSTRUIRÁ VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA EN LALÍN UNHA VEZ QUE O CONCELLO CEDA TERREOS PARA ESTE FIN

-     O director xeral do IGVS visitou os terreos que ofrece o Concello para a promoción de vivendas, despois de que o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o anunciase a comezos de decembro pasado.

Santiago, 4 de febreiro de 2010.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo construirá vivendas de promoción pública para mozos en Lalín (Pontevedra) cando o concello ceda o solo necesario para a súa promoción.

Con este fin o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Antonio Boné, visitou o concello pontevedrés despois da oferta do alcalde de Lalín de terreos para a construción de vivendas de promoción pública. Nos terreos ofertados levántanse na actualidade as antigas casas de mestres do antigo colexio Manuel Rivero.

O pasado 9 de decembro os terreos ofertados polo Concello foron visitados polo Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que xa anunciou a próxima visita do Director Xeral do IGVS co fin de comprobar a súa idoneidade e, de ser o caso, iniciar os trámites para a súa cesión ao IGVS co obxectivo de construír unha nova promoción de vivendas de promoción pública

O Director Xeral do IGVS comprobou que os terreos reúnen condicións idóneas para a construción de vivendas destinadas a mozos en réxime de compravenda ou de alugueiro, inda que previamente a entidade local deberá realizar unha modificación puntual do planeamento que permita a súa construción.

Inicialmente prevese que se poidan construír máis de 20 vivendas, inda que previamente será preciso demoler as edificacións existentes.

A construción de vivendas de promoción pública, dirixidas a familias con ingresos inferiores a 2,5 veces o Iprem (Indicador público de renda de efectos múltiples) é un dos principais obxectivos do Instituto Galego da Vivenda e Solo, obxectivo que se facilita coa cesión de terreos por parte dos concellos.

Na anterior lexislatura a Consellería de Vivenda abandonou na práctica a promoción pública de vivendas, limitándose a continuar cos proxectos herdados do anterior goberno, e tampouco promoveu as cesións de solo por parte dos concellos, precisas para esta liña de traballo.