Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

PECHADO O PRAZO DE INSCRIPCIÓN DE VIVENDAS NO PROGRAMA DE ALUGUER PARA FACILITAR A TRANSICIÓN CO NOVO PLAN ALUGA

-     A demanda de vivendas está garantida, xa que existen 300 vivendas dispoñibles e outras 1.000 en trámites previos á súa incorporación ao programa

-     O número de vivendas incorporado ao programa de alugueiro xa supera as previsións orzamentarias      A medida busca non crear falsas expectativas aos propietarios de vivendas que desexen incorporalas ao programa de alugueiro

Santiago, 10 de febreiro de 2010.- Como medida transitoria antes da aprobación e entrada en vigor do novo Plan Aluga, que regulará as axudas ao alugueiro de vivenda, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, da que depende o Instituto Galego da Vivenda e Solo, vén de pechar o prazo para a inscrición de novas vivendas no antigo programa de vivenda en alugueiro, segundo establece a orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Actualmente están incorporadas ao programa de vivenda en alugueiro arredor de 4.000 vivendas, das que máis de 300 están desocupadas e listas para o seu alugueiro. Ao mesmo tempo, outras 1.000 vivendas están actualmente en trámites para a súa incorporación ao programa de alugueiro, o que garante a dispoñibilidade suficiente de vivendas para facer fronte á demanda de alugueiros.

Os referidos datos indican que o número de vivendas incorporadas ao programa de aluguer ou en trámites para a súa incorporación superan as previsión estimadas de acordo co marco orzamentario do programa de vivenda de aluguer e coa convocatoria de subvencións aprobada por Resolución do 22 de decembro de 2010 (Diario Oficial de Galicia do 8 de xaneiro de 2010) e co número de vivendas previstas para o Programa Aluga.

Por iso, para evitar a acumulación de vivendas e regular o fluxo de entrada de das mesmas, evitando falsas expectativas dos propietarios respecto a prontitude do arrendo, así como para facilitar o tránsito entre un e outro programa, considerouse oportuno pechar o prazo de presentación de solicitudes, de acordo co sinalado no artigo 2º do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro.