-
Trátase de inmobles de dous e tres dormitorios, existindo unha acondicionada para o seu uso por
persoas con mobilidade reducida
-
Os adxudicatarios recibirán unha notificación individual indicándolles os trámites a seguir
antes da entrega e as condicións económicas
-
Un total de 18 vivendas adxudícanse en réxime de alugueiro e tres en compravenda
Santiago, 26 de febreiro de 2010.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo,
dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, procederá o próximo
luns, día 1 de marzo, ao sorteo entre os adxudicatarios de 21 vivendas de promoción pública
construídas en Xarás, no concello de Ribeira (A Coruña).
Dado que existen vivendas de dous e tres dormitorios, así como unha adaptada para persoas con
mobilidade reducida, o sorteo realizarase por cupos, de maneira que as vivendas de tres dormitorios
se sortearán entre as unidades familiares de maior número de membros e a vivenda adaptada para
minusválidos se adxudique a quen cumpre os requisitos esixidos.
Despois do sorteo os adxudicatarios recibirán por escrito unha comunicación individual do IGVS
na que se lles explicarán os trámites a seguir antes da entrega das vivendas (ingreso do IVE no
caso de vivendas en compravenda e da fianza nas de alugueiro) e as condicións económicas aplicables
a cada caso.
A normativa que rexe a adxudicación de vivendas de promoción pública obriga a que se
adxudiquen en réxime de alugueiro cando os ingresos familiares non superen 1,5 veces o Indicador
público de renda de efectos múltiples (Iprem). No caso de Ribeira son 18 as vivendas adxudicadas en
réxime de alugueiro, con rendas que poden oscilar entre 0s 82 e 140 euros mensuais, en función da
superficie de vivenda e a composición e ingresos da familia.
As tres vivendas restantes adxudicanse en réxime de compravenda. O prezo a pagar polos
adxudicatarios poderá oscilar entre 32.000 e 56.000 euros, en función dos ingresos familiares, a
composición da familia e a superficie da vivenda. Tanto no caso do alugueiro como no de compra
venda a Xunta de Galicia aplica sobre o prezo real da vivenda reduccións entre o 40 e o 60 por
cento, en función dos ingresos da familia, o que permite que as contías mensuais a pagar polos
adxudicatarios sexan as indicadas.