-
O texto legal nace despois dun amplo consenso con todos os colectivos implicados, o que
contrasta coa ampla contestación da anterior norma, elaborada polo Goberno bipartito
-
A normativa de habitabilidade regula todos os aspectos que debe cumprir unha vivenda para
considerarse habitable
-
Este novo regulamento evita conflitos con outras normas sectoriais e co planeamento
urbanístico
Santiago, 19 de abril de 2010.- A nova normativa de habitabilidade entra en vigor
hoxe. Este texto regula as condicións que deben cumprir as vivendas para seren consideradas como
tal e substitúe a Norma do Hábitat, elaborada pola anterior Consellería de Vivenda, que tivo unha
ampla contestación por parte de todos os colectivos que interveñen no proceso de construción de
vivendas, así como por parte dos concellos galegos, que consideraron que a dita norma invadía parte
das súas competencias.
A Normativa de Habitabilidade nace dun amplo consenso de todos os axentes que participan na
promoción e construción de vivendas en Galicia, e conta cun amplo apoio que contrasta coa
contestación da anterior norma.
A Normativa de Habitabilidade establece os requisitos mínimos de funcionalidade que deben
cumprir as vivendas para considerarse habitables, garantindo as axeitadas condicións funcionais que
deben reunir as vivendas sen entrar en conflito co resto da normativa que deben cumprir os
edificios destinados a uso residencial.
No novo texto legal axústanse lixeiramente os estándares dimensionais e de superficies mínimas
que deben cumprir as distintas pezas das vivendas. Non existen grandes diferenzas coa
normativa anterior, as máis significativas son as seguintes:
-
Permítese a solución de apartamentos (lofts) dunha única estancia que a normativa anterior non permitía.
-
Redúcense as dimensións mínimas exixibles do lavadoiro-tendal.
-
Establécense tolerancias dimensionais que permitan asumir os imprevistos xurdidos no proceso
construtivo.
-
Elimínanse as rixideces na distribución das pezas que a anterior normativa establecía cando
non redundan nunha clara mellora das condicións das vivendas.
-
Adecúanse as exixencias dos espazos comúns de comunicación ás determinacións do Código Técnico da
Edificación e suprímese a necesidade de inclusión de patios de iluminación para os distribuidores e
escaleiras nos casos en que o CTE o permite e axústanse as condicións dos patios á ditas
determinacións.
Pola contra, elimínanse desta normativa todas as exixencias
que deben ser reguladas no planeamento urbanístico e non nunha norma de habitabilidade, como son as
relativas á composición arquitectónica e regulamentación de voos, xa que non inciden na
habitabilidade das vivendas e a súa regulación correspóndelle ao planeamento urbanístico.
No mesmo sentido, o mencionado decreto resolve os conflitos
co planeamento que provocaba a anterior norma do hábitat. Desta maneira serán regulados no
planeamento urbanístico aqueles aspectos que só poden regularse no momento da súa redacción como
son:
-
as condicións que deben cumprir os espazos exteriores a que se abren as vivendas
-
as condicións de orientación e asolamento das vivendas.
Deste xeito evítase a imposibilidade de construír edificios
de vivendas en soares onde o planeamento prevé o uso residencial pero as estritas condicións da
norma do hábitat impedían de facto o cumprimento das determinacións en materia de
habitabilidade.
Por estes motivos, a presente normativa remítese ao
planeamento, vixente ou ao que vaia ser aprobado no futuro, para regulamentar estes aspectos.
O decreto de habitabilidade elimina todas as exixencias que a normativa anterior establecía
referentes a aspectos regulados noutras normativas e que non entran no eido da habitabilidade de
vivenda. Remítese á lexislación sectorial correspondente as referencias relativas ao gas radon e
reutilización de augas grises, que deben ser reguladas polas normas sanitarias e pola
regulamentación ambiental. Tampouco se regulan as condicións de eficiencia enerxética das vivendas
xa que estas veñen establecidas no código técnico da edificación e non deben ser obxecto da
normativa de habitabilidade.
Rehabilitación
A rehabilitación de edificios e vivendas xa existentes
cobra cada día máis importancia, polo que a normativa de habitabilidade regula medidas que evitan
os longos trámites burocráticos establecidos na norma anterior e que dificultaban e ata impedían a
realización das obras de rehabilitación. Neste sentido, entre as medidas no novo decreto están as
seguintes:
-
Flexibilízanse as condicións para compatibilizar os requirimentos de habitabilidade de vivendas cos
de protección do patrimonio.
-
Establécese un novo procedemento de excepción para os casos en que sexa imposible o cumprimento
estrito das determinacións destas normas.
-
Redúcense as exixencias normativas en actuacións de rehabilitación de escasa entidade evitando que
o particular teña que escoller entre proceder á redistribución total das vivendas ou descartar
a rehabilitación. Nestes casos, só se esixe que as reformas previstas non deturpen as condicións de
habitabilidade da vivenda preexistente.
O decreto establece un procedemento de autorización das
excepcións ao cumprimento de determinados aspectos da normativa, cando resulte inviable a súa
aplicación. Así mesmo, acouta os casos en que se pode optar polo dito procedemento de excepción e
establece os límites das posibles excepcións. Este procedemento de excepción pasa a depender dos
concellos, de xeito que se reduce considerablemente o tempo de tramitación das licencias, que
dependerá agora dunha administración que ten un contacto máis directo cos cidadáns, facilitándose
os trámites necesarios e as canles para obter a información precisa.
Adxúntase un cadro comparativo entre a nova normativa de habitabilidade e a norma do hábitat
anterior:
COMPARACIÓN ENTRE A NOVA NORMATIVA DE HABITABILIDADE E A NORMA DO
HÁBITAT ANTERIOR
NOVA NORMATIVA DE HABITABILIDADE
|
ANTIGA NORMA DO HÁBITAT
|
Portas das vivendas: mínimo 0,80 por 2,03 metros
|
Mínimo 0,80 por 2,10 metros. Obrigaba a fabricar portas a medida para
Galicia, xa que a medida estándar é 2,03 metros.
|
Fiestras nas cubertas: permítese a iluminación e ventilación a través de fiestras
nas vertentes das cubertas, sempre que se garanta vistas similares ás que permitiría unha venta na
parede
|
Prohibía a iluminación e ventilación a través de ventás nas vertentes
de cuberta
|
Trámite de excepción: resólveo o Concello
|
Resolvíao a Consellería despois dunha tramitación prolongada por parte
do Concello
|
Estar ou comedor: mínimo un cadrado de 3,3 metros de lado.
|
Estar ou comedor: mínimo un cadrado de 3,3 metros de lado.
|
Dormitorio principal: mínimo un cadrado de 2,6 metros de lado
|
Dormitorio principal: mínimo un cadrado de 2,7 metros de lado
|
Dormitorio dobre: mínimo un cadrado de 2,6 metros de lado
|
Dormitorio dobre: mínimo un cadrado de 2,7 metros de lado
|
Dormitorio individual: mínimo 8 metros cadrados de superficie, que permita a
inscrición dun cadrado de 2,20 metros de lado
|
Mínimo 8 metros cadrados de superficie
|
Permítese integrar o dormitorio no salón (apartamentos tipo “loft”)
|
Obrigaba a que a vivenda tiveran un dormitorio independente da zona de
estar.
|
Estar e comedor: mínimo un cadrado de 3,3 metros de lado. A distancia mínima entre
paredes enfrontadas será de 2,70 metros.
Norma flexible para solares pequenos de xeometría irregular
|
Estar e comedor: mínimo un cadrado de 3,3 metros de lado. A distancia
mínima entre paredes enfrontadas será de 2,50 metros.
|
Armarios: mínimo 1 metro cadrado, cun fondo de 60 centímetros. Ademais toda
vivenda deberá ter un rocho anexo.
|
Mínimo 0,60 metros cadrados por habitante, o que dificulta a promoción
de vivendas de 90 metros cadrados con tres dormitorios dobres. O rocho non é obrigatorio
|
Altura mínima entre pavimento e teito rematados; 2,50 metros en salón, dormitorios
e cociña. 2,20 metros no resto.
|
Altura mínima entre pavimento e teito rematados; 2,50-2,60 metros en
salón, dormitorios e cociña. 2,20-2,40 metros no resto
|
Lavadoiro e tendedeira: mínimo 1,5 metros cadrados de lavadoiro e 1,5 metros
cadrados de tendedeira, que pode ser un espazo pisable
|
Mínimo 2 metros cadrados de lavadoiro. A tendedeira vai nun patio, cos
conseguintes problemas entre veciños.
|
Corredores: mínimo un metro entre paredes. Pode haber estreitamentos puntuais de
90 centímetros
|
Mínimo un metro entre paredes
|
Voos e
recuamentos: non se regulan por que corresponde facelo á normativa
urbanística.
|
Regúlaos, invadindo competencias alleas
|
Rochos: obrigatorio, mínimo 4 metros
|
Non é necesario.
|
O planeamento regula as
condicións
exteriores da vivenda pero como mínimo a estanza maior debe ventilar a través de
espazos exteriores
|
Obrigaba a que todas as pezas, excepto unha, tiveran ventilación dende
espazos exteriores
|
Asolamento: regulado polo planeamento en función das condicións de cada
lugar
|
Obrigaba a que o salón ou os dormitorios tiveran polo menos unha hora
de solo diaria, impedindo a construción de vivendas en determinados ámbitos.
|
Ventás: en tódalas estancias a distancia máxima entre o chan e a ventá de
iluminación será de 1,10 metros
|
No estar ou comedor a distancia máxima entre a ventá e o chan non
podía superar o 45 centímetros.
|
Gas radón: será regulado pola normativa sectorial
|
Indicábase que se tería especial consideración coa eliminación de gas
radón, pero sen especificar como nin os límites de gas
|