Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

SORTEADAS ENTRE OS SEUS ADXUDICATARIOS AS 54 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA CONSTRUÍDAS EN SALGUEIRIÑOS (SANTIAGO DE COMPOSTELA)

-     Os adxudicatarios recibirán unha comunicación individualizada na que se indica o prezo a pagar e os pasos a seguir para a entrega de chaves.
-     O sorteo realizouse ante notario e polo sistema de cupos, que garante a mellor distribución das vivendas entre os adxudicatarios.
 
Santiago, 21 de abril de 2010.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo realizou hoxe o sorteo entre os seus adxudicatarios das 54 vivendas de promoción pública construídas en Salgueiriños (Santiago de Compostela), nun solo urbanizado polo propio IGVS na etapa anterior ao goberno bipartito.
 
O sorteo entre os adxudicatarios realizouse polo sistema de cupos, de maneira que se asegure que as vivendas adaptadas para persoas con mobilidade reducida vaian ás familias adecuadas, así como que as vivendas con maior superficie se destinen ás familias con maior número de membros.
 
No transcurso do sorteo xurdiu o caso particular dunha solicitante cuxa composición familiar variou, incrementándose, durante o proceso de tramitación das listas. Dita variación foi comunicada pola interesada en 2007 ao Concello, que non o tivo en conta para a elaboración da lista provisional que foi remitida polo organismo municipal á Comisión Provincial de Vivenda en marzo de 2009. O Instituto Galego da Vivenda e Solo estudará o expediente correspondente e a posibilidade de dar solución á demanda da adxudicataria, que desexa acceder a unha vivenda de catro dormitorios no canto da de tres que lle correspondeu.
 
Realizado o trámite do sorteo entre os adxudicatarios, o IGVS remitirá, de forma individualizada, a cada adxudicatario o estudo económico no que, en función da superficie da vivendas que lles correspondera e as condicións económicas da familia, se indicará o prezo a pagar, tanto no caso de que a vivenda se adxudicase en réxime de compravenda como de alugueiro. Hai que lembrar que a normativa obriga a adxudicar as vivendas en réxime de alugueiro ás familias con ingresos non superiores a 1,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem).
 
Os beneficiarios terán un prazo de un mes a partir da recepción de dita comunicación para manifestar a súa aceptación da vivenda que lles correspondeu no sorteo e depositar o importe dos gastos e impostos correspondentes, que no caso das vivendas en aluguer corresponden á fianza e nas de compravenda ao IVE, aparte dos gastos de notaría e rexistro da propiedade. Pasado ese prazo poderase proceder á entrega das vivendas aos seus adxudicatarios. Vinte e dúas vivendas adxudícanse en réxime de compravenda e trinta e dúas en alugueiro
 
As 54 vivendas de promoción pública construídas en Salgueiriños emprázanse nunha parcela urbanizada polo propio IGVS e corresponden a un expediente iniciado en 2003. A obra de construción foi adxudicada por un importe de 3.220.510,99 euros.
 
A meirande parte das vivendas construídas contan con tres dormitorios e unha superficie útil de 80 metros cadrados. Son 31 as vivendas que responden a esta configuración, mentres que outras 13 dispoñen de dous dormitorios e 65 metros cadrados de superficie útil e as 10 restantes teñen catro dormitorios e 90 metros cadrados de superficie útil.
 
Tódalas vivendas contan con cociña, tendedeira, estar-comedor, baños, unha praza de garaxe e un trasteiro.
 
As vivendas de Salgueiriños corresponden a un expediente iniciado en 2003 e que debería ter sido rematado na etapa do anterior goberno que, pola contra, deixou as vivendas sen adxudicar malia ter iniciado o proceso en 2006, a urbanización sen recibir polo Concello e as vivendas sen licenza de primeira ocupación. Actualmente as obras están rematadas, a urbanización xa foi recibida polo Concello e outorgada a licenza de primeira ocupación.
 
No tempo transcorrido dende o cambio de goberno en 2009, a Comisión Provincial de Vivenda realizou un importante esforzo para revisar os expedientes da lista provisional, tal como establece a normativa, aprobara a lista definitiva e, despois de resolver as alegacións, a lista definitiva firme ata chegar a este momento do sorteo, previo á entrega das vivendas. Cabe salientar que o concello de Santiago tardou máis de dous anos en elaborar a lista provisional e remitila á Comisión Provincial de Vivenda.