Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O IGVS INVESTIRÁ 696.000 EUROS NA REDACCIÓN DO PLAN SECTORIAL DE ORDENACIÓN DE ÁREAS EMPRESARIAIS NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

-         Prevese pasar dos 13,75 millóns de metros cadradoa actuais de superficie industrial a máis de 32 millóns de metros cadrados en 2012 e máis de 68 millóns de metros cadrados en 2015.
-         O inicio do procedemento de elaboración e aprobación deste plan foi aprobada polo Consello da Xunta o pasado 18 de febreiro
 
Santiago, 9 de xuño de 2010.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, investirá 696.000 euros, IVE incluído, na redacción Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na comunidade autónoma de Galicia, segundo establece o procedemento aberto para a contratación da redacción do mesmo, que proximamente publicará o Diario Oficial de Galicia (DOG).
 
O obxecto do contrato será a redacción do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, que establecerá as condicións xerais para a futura implantación de solos empresariais, conforme ás características que figuren no prego de prescricións técnicas.
 
O prazo total para a redacción do plan será de 18 meses, dende a sinatura do contrato (incluindo os prazos necesarios de tramitación administrativa). Dito prazo está dividido en dúas fases:
 
Na primeira fase realizarase un estudo previo de análise da demanda de solo para actividades empresariais e loxísticas en Galicia. Neste estudio determinarase a localización das áreas estratéxicas de solo para actividades empresariais e loxísticas estudando as demandas de solo para usos industriais e terciarios.
 
A súa entrega producirase nun prazo máximo de 60 días naturais dende a sinatura do contrato.
 
A segunda fase consistirá na elaboración ata a aprobación definitiva do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na comunidade autónoma de Galicia.
 
O documento para o inicio da tramitación, que incluirá o proxecto sectorial e o informe de sustentabilidade ambiental, deberá ser entregado no prazo máximo de 140 días dende a realización do estudo correspondente á primeira fase.
 
Realizarase tamén un documento que tome en consideración o informe de sostibilidade, as alegacións e os informes presentados no período de consultas, así como unha proposta de memoria ambiental. Deberá realizarse así mesmo un informe sobre o proceso de participación pública e dos informes sectoriais evacuados. A súa entrega producirase nun prazo máximo de 84 días naturais dende a notificación dos criterios do IGVS seguintes á terminación do prazo de información pública e audiencia aos concellos afectados e unha vez obtidos os distintos informes.
 
Finalmente redactarase un documento de aprobación definitiva. A súa entrega producirase nun prazo máximo de 30 días naturais dende o último informe preceptivo emitido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
 
INCREMENTO DE SUPERFICIE
 
O inicio do procedemento de elaboración e aprobación do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o pasado dezaoito de febreiro e xa fora presentado o novo plan no Parlamento de Galicia polo Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, no pasado mes de decembro de 2009.
Entón o conselleiro destacou que o novo Plan de Solo Empresarial  recollerá as actuacións do anterior, elaborado en 2004, e novas actuacións co obxectivo de contar en 2012 cunha superficie total de solo empresarial de máis de 32,1 millóns de metros cadrados e incrementala ata os 68,8 millóns de metros cadrados en 2015.
 
Coa posta en marcha desta planificación acadaranse os seguintes obxectivos:
 
 
ANO 2009
(xa existentes)
A EXECUTAR 2009/2012
TOTAL 2012
A EXECUTAR 2012/2015
TOTAL 2015
Nº PARQUES
92
36
128
72
200
SUPERFICIE m 2
13.755.789
18.344.645
32.100.434
36.198.890
68.299.324
 
No ano 2012 a superficie empresarial dispoñible incrementarase nun 133%, pasando dos 13,7 millóns de metros cadrados actuais aos 32,1 millóns dentro de catro anos.
 
Ao mesmo tempo, e sempre coa premisa do axuste ás necesidades reais, prevese incrementar a superficie dispoñible noutros 36 millóns de metros cadrados para 2015 (un 114% máis respecto ás previsións do 2012 e máis dun 400% respecto da superficie dispoñible na actualidade), alcanzando os 68,8 millóns de metros cadrados no conxunto de Galicia.
 
Nº parques
Horizonte 2012: incremento do 39 % sobre 2009
Horizonte 2015: incremento do 113% sobre 2009
Superficie
Horizonte 2012: incremento do 133 % sobre 2009
Horizonte 2015: incremento do 401% sobre 2009
 
O investimento previsto para o desenvolvemento destes parques no período 2009-2012 ascende a 373 millóns de euros. As empresas que se asenten sobre o mesmo poderían crear arredor de 61.000 empregos, cun investimento en construción de instalacións e equipamentos de máis de 2.300 millóns de euros.
 
Situación actual
Na actualidade os parques dependentes da Xunta de Galicia ocupan un total de 13.755.789 metros cadrados, dos que 8.148.295 son de uso industrial e comercial, estando dispoñibles para venda 1.309.625 metros cadrados, o que supón algo máis do 16 por cento do total. A venda e posta en servizo deste solo podería dar lugar á creación de entre 6.000 e 9.000 empregos.
 
Asemade están en construción outros 19 parques empresariais, con 13.127.609 metros cadrados de superficie total, nos que a superficie de uso industrial e comercial será de 7.394.606 metros cadrados. Os parques en construción actualmente supoñen incrementar nun 95 por cento a superficie de solo empresarial existente dependente da Xunta de Galicia.
 
Finalmente, existen 5.368.659 metros cadrados de superficie total en futuros parques con planeamento aprobado e 36.608.877 en parques en tramitación.