Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA DESTINARÁ 360.000 EUROS A AXUDAS PARA A REPARACIÓN DOS DANOS CAUSADOS EN VIVENDAS, ANEXOS E ENXOVAL POLAS INUNDACIÓNS NA MARIÑA E NORTE DA PROVINCIA DA CORUÑA

 
 
§         As axudas chegarán ao 100 por cento dos danos en vivendas que constitúan a residencia habitual e permanente
§         No resto de vivendas, cubrirase ata o 40 por cento dos danos causados polas inundacións
§         As axudas afectarán os elementos comúns en caso de comunidades de veciños e nas construcións e equipamentos anexos de apoio á economía e vida familiar
§         O enxoval doméstico básico tamén queda incluído na Resolución de axudas
 
Santiago, 24 de xuño de 2010.- O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe unha achega de 360.000 euros por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, destinada a axudas para a reparación dos danos causados en vivendas e anexos polas inundacións rexistradas na Mariña de Lugo e norte da provincia da Coruña, segundo establece a Resolución que proximamente se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) e sobre a que hoxe foi informado o Consello da Xunta de Galicia.
 
A Resolución desenvolve o establecido, en materia de vivenda, no Decreto 96/2010, do 17 de xuño, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polas inundacións acaecidas na Mariña, aprobado polo Consello da Xunta o 17 de xuño de 2010.
 
Características das subvencións
As subvencións que inclúe a Resolución comprenden danos causados nas vivendas que son residencia habitual e permanente, noutras vivendas, en construción anexas e instalacións e no enxoval. Son as seguintes:
 
1.- Vivendas residencia habitual e permanente.
Subvencionaranse a reparación de danos que non cubran as axudas doutras administracións ou calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, do que poidan ser beneficiaras as persoas afectadas.
O importe máximo da axuda pode alcanzar o 100 por cento do valor de reparación ou reposición do inmoble danado. Ese importe nunca poderá ser superior ao 75 por cento do prezo máximo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral na mesma localidade.
 
2.- Resto de vivendas
Igual que no caso anterior subvencionaranse a reparación de danos que non cubran as axudas doutras administracións ou calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, do que poidan ser beneficiaras as persoas afectadas.
O importe das axudas poderá ser de ata o 40 por cento do valor de reparación ou reposición. O importe da axuda non poderá ser superior ao 40 por cento do 75 por cento do prezo máximo de venda dunha vivenda protexida de réxime xeral na mesma localidade.
 
As vivendas incluídas nesta axuda deberán destinarse como mínimo a residencia ocasional, quedando excluídas edificacións ruinosa ou en estado manifesto de abandono.
 
3.- Construcións anexas e instalacións
Os elementos comúns, nos casos de comunidades de propietarios e as construcións e equipamentos de apoio á economía e vida familiar tamén poderán optar ás axudas, entendendo como tales pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo, instalacións eléctricas e de iluminación, instalacións de telecomunicacións, etc. sempre que estean localizados no mesmo predio da vivenda. Tamén se entenderá como construción ou instalación complementaria o cerramento preexistente do predio no que se atopa a vivenda.
Subvencionarase o 100 por cento do valor de reparación ou reposición no caso de estar asociadas á vivenda habitual e o 40 por cento no caso de vivendas ocasionais. O importe máximo da axuda non superará os 3.000 euros.
 
4.- Enxoval
Tamén será obxecto destas axudas o enxoval doméstico de primeira necesidade cando non estivese incluído nas axudas doutras administracións ou calquera outro sistema de cobertura de danos.
 
O importe da axuda será do 100 por cento no caso de vivendas habituais e 40 por cento en vivendas ocasionais. O límite máximo será de 6.000 euros.
 
O enxoval incluído nas axudas é o seguinte:
- Cociña: frigorífico, cociña, forno, lavadora, mesa e cadeiras
- Dormitorio: camas, somieres, colchóns, armario
- Salón: sillóns, cadeiras, mesa de comedor.
 
Estas axudas poderán solicitarse nos seguintes concellos:
- Provincia de Lugo: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, Viveiro, O Vicedo e Xove.
- Provincia da Coruña: Cariño e Ortigueira