Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA ENTREGA AO CONCELLO DE MACEDA AS 23 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA DESTINADAS AO REALOXAMENTO DE CHABOLISTAS

 A tramitación deste proxecto iniciouse en 2004  O Concello será o encargado de entregalas aos adxudicatarios, en réxime de alugueiro  O IGVS investiu máis de 3,3 millóns de euros na construción das vivendas e o saneamento e urbanización da zona

Maceda (Ourense), 26 de xuño de 2009.- O director xeral do IGVS, Antonio Boné, e o alcalde de Maceda, Francisco Xavier Oviedo, asinaron hoxe a acta de entrega ao Concello das 23 vivendas de promoción pública construídas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) con destino ao realoxamento das familias que vivían nun asentamento chabolista neste concello ourensán. O proxecto naceu en 2004, cando o concello solicitou ao IGVS a súa inclusión no programa de erradicación do chabolismo para dar unha vivendas digna ás familias residentes nun asentamento chabolista. As novas vivendas levantáronse nos mesmos terreos nos que se atopaban as chabolas, de maneira que as familias realoxadas non teñen que cambiar de emprazamento dentro do concello. Durante a realización das obras as familias foron realoxadas en barracóns propiedade do concello de Maceda. Unha vez realizada a entrega das novas vivendas ao Concello, este será o encargado de entregalas aos adxudicatarios das mesmas en réxime de alugueiro. O IGVS investiu 3.345.169,68 euros na construción das 23 vivendas de tipo unifamililar apegadas, das que 18 contan cun superficie útil de 90 metros cadrados (tres dormitorios) e as cinco restantes 101 metros cadrados (catro dormitorios). Todas as vivendas contan con estar-comedor, cociña baño (dous no caso de vivendas de catro dormitorios), aseo, tendedeira, garaxe e rocho. Ademais da construción das 23 vivendas, o IGVS realizou o saneamento e urbanización da zona na que se asentan, que de ser un área totalmente degradada pasa a converterse nunha zona urbanizada, con espazos libres de uso público. As obras foron recibidas definitivamente polo IGVS a mediados deste mes de xuño.

 

SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS