Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

CO SORTEO REALIZADO HOXE ÁBRESE O PROCEDEMENTO PARA A ADXUDICACIÓN DE 343 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA EN SAN PAIO DE NAVIA (VIGO)

 As listas poderán consultarse na sede do IGVS, na delegación da Xunta en Vigo, no Concello e na web do IGVS  Os agraciados no sorteo recibirán unha comunicación do IGVS requirindo a documentación necesaria

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2009.- O Instituto Galego da Vivenda e Solo procedeu esta mañá ao sorteo de 343 vivendas de promoción pública que se atopan en construción en San Paio de Navia (Vigo). O sorteo tivo lugar nas dependencias do IGVS en Pontevedra. As listas poderán consultarse na sede do IGVS en Pontevedra, na delegación da Xunta en Vigo, no concello de Vigo e na páxina web do IGVS (http://igvs.xunta.es/web/actuamos/adxudicacion-sorteos-vpp) a partir de hoxe mesmo. Asemade, tódolos agraciados no sorteo recibirán unha comunicación do IGVS requirindo a presentación da documentación necesaria. Unha vez rematado o período establecido para a entrega de dita documentación, revisaranse tódolos expedientes e elaborarase a lista provisional de adxudicatarios, que será exposta ao público abríndose un período para a presentación de alegacións. Unha vez resoltas as alegacións elaborarase a lista definitiva de adxudicatarios. No sorteo entrou un total de 343 vivendas, xa que das 384 que se atopan en construción deben detraerse 41 para realoxos de unidades familiares anteriormente residentes na zona e que foron afectadas polo desenvolvemento do plan parcial de San Paio de Navia e cesión ao Concello de Vigo en aplicación da normativa vixente. Do total de vivendas sorteadas, 159 dispoñen de tres dormitorios e superficies útiles entre 79 e 81 metros cadrados. Outras 12 contan cos mesmos tres dormitorios, pero a súa superficie útil está entre 87 e 88 metros cadrados, xa que se trata de vivendas adaptadas e reservadas para persoas con mobilidade reducida. Con dous dormitorios (superficie entre 62 e 65 metros cadrados) hai un total de 91 vivendas e con catro dormitorios (entre 88 e 90 metros cadrados de superficie útil) un total de 81 vivendas. Iniciado en 1999 O proxecto de urbanización de San Paio de Navia botou a andar en 1999 coa adquisición dos primeiros terreos por parte do IGVS, despois de desenvolver un longo proceso de redacción e aprobación dos documentos urbanísticos que permitiron o se desenvolvemento. So tres anos máis tarde, en 2002, se adxudicaron as primeiras parcelas para a construción de vivendas protexidas de promoción privada e a comezos de 2005 adxudicábase a redacción do proxecto básico para a construción das 384 vivendas de promoción pública que agora se van sortear. O Instituto Galego da Vivenda e Solo, dependente da Consellería de Medio Rural, Infraestruturas e Territorio, investiu na construción destas 384 vivendas preto de 32,5 millóns de euros.

 

SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS