Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O CONCELLO DE LUGO SÓ ACREDITOU A COMPRA DE OITO DAS QUINCE VIVENDAS PREVISTAS PARA O REALOXO DE CHABOLISTAS

 O convenio asinado en setembro do ano pasado establecía que o Concello mercaría oito vivendas en 2008 e sete en 2009  As oito vivendas prevista para 2008 xa foron mercadas. A Xunta abonou a súa parte (65% do total) ao Concello de Lugo no pasado mes de xaneiro  O IGVS non ten constancia de que o Concello adquirise as sete vivendas correspondentes ao presente ano

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2009.- A demora no realoxo de 15 vivendas chabolistas do poboado co Carqueixo, en Lugo, débese exclusivamente a que o Concello aínda non xustificou a compra das vivendas necesarias para dito realoxo, tal e como establece o convenio asinado o 18 de setembro de 2008 entre o Concello de Lugo e a antiga Consellería de Vivenda e Solo. Dito convenio establece que o Concello de Lugo adquirirá 15 vivendas para o realoxo doutras tantas familias chabolistas, cun orzamento máximo de 1,72 millóns de euros, achegando Vivenda o 65% dos fondos precisos (máximo 1.118.000 euros). O convenio indica que “tendo en conta a dificultade para atopar vivenda en venda para dedicar ás actuacións de realoxamento de chabolistas, o período de execución do presente convenio será de dous exercicios orzamentarios”. Establecíase que en 2008 o Concello mercaría oito vivendas e as sete restantes en 2009. A data de hoxe o Concello de Lugo xustificou a compra das oito vivendas correspondentes á anualidade de 2008. O importe correspondente a Vivenda por estas compras foi aboado ao Concello de Lugo no pasado mes de febreiro. Pola contra, no Instituto Galego da Vivenda e Solo non hai constancia algunha sobre as sete vivendas que o Concello debe mercar no presente ano. Unha vez que o Concello merque as vivendas e o acredite coa pertinente documentación, o IGVS procederá ao pagamento da porcentaxe que lle corresponde aboar polas mesmas, tal como establece o convenio asinado, con cuxo cumprimento se compromete o IGVS. Polo que respecta á entrega das 57 vivendas de promoción pública construídas en Fermín Rivera e Aquilino Igrexa Alvariño, están pendentes da resolución do convenio para o realoxo das 15 familias procedentes de chabolas. Ademais, parte destas vivendas aínda non recibiron a licenza de primeira ocupación emitida polo Concello. Unha vez que o Concello adquira as 15 vivendas, estas deberán “ser cedidas en arrendamento polo concello por un prazo de dous anos” segundo establece o convenio.

 

SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS