- Distintos programas están dirixidos a ese fin: axudas do plan de vivenda 2013-2016
(prorrogado en 2017), Bono de Alugueiro Social, vivenda de promoción pública en alugueiro e
Programa de Vivendas Baleiras
Santiago, 1 de febreiro de 2017
.-
Preto de 6.500 familias galegas se beneficiarán en 2017 das axudas da Xunta para o pago do
alugueiro das súas vivendas, segundo indicou hoxe no Parlamento o director do Instituto Galego da
Vivenda e Solo, Heriberto García Porto. Segundo o responsable do IGVS, este organismo prevé
destinar preto de 11 millóns de euros en axudas para o alugueiro.
O
Plan RehaVita, plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellora do acceso á vivenda 2015-2020,
indica que a Xunta de Galicia debe destinar unha parte importante dos seus esforzos a fomentar o
acceso á vivenda en réxime de alugueiro, en sintonía coas políticas de fomento do arrendamento
recollidas no Plan estatal de vivenda.
Grazas
a isto, é posible, non so garantir o acceso á vivenda ás unidades de convivencia con rendas máis
baixas, senón tamén como alternativa de tenza da vivenda para as persoas que necesitan ter
mobilidade xeográfica por razóns laborais ou que, simplemente ,se decantan por esta forma de acceso
como alternativa á propiedade.
O
director do IGVS indicou que “o Goberno galego, en materia de apoio ao aluguer de vivendas, ten
implantado medidas de fomento como son as axudas ao alugueiro reguladas no plan de vivenda
2013-2016, que se prorroga en 2017, cunha dotación de preto de 3,5 millóns de euros”
O
Executivo autonómico dispón tamén de medidas cun marcado carácter social como o Bono de Alugueiro Social, no que se realizou unha
convocatoria de 5 millóns de euros publicada no DOG do pasado dia 18 de xaneiro. Para esta
convocatoria, ampliáronse os colectivos que se poden acoller ao mesmo e incrementouse a
duración máxima da axuda pasando de 2 a 3 anos.
Tamén
indicou que a Xunta pretende dinamizar o mercado do alugueiro alí onde existe unha maior demanda
deste tipo de vivendas, empregando para iso o Programa de Vivendas Baleiras, en colaboración cos
concellos, co que se pretende mobilizar as vivendas baleiras existentes en Galicia, calquera que
sexa o seu propietario, para destinalas a alugueiro social.
Os
concellos encárganse de incorporar as vivendas ao programa e da adxudicación das mesmas, mentres a
Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, outorga garantías aos propietarios a
través dun seguro multirrisco fogar e un seguro de pago da renda e asistencia xurídica que cubrirá
as vivendas incorporadas ao programa durante o tempo que estean alugadas.
Actualmente,
xa se adheriron ao Programa de Vivendas Baleiras 32 concellos e outros 7 están en proceso de
sinatura do convenio de adhesión ao mesmo.
A
maior parte dos colectivos sinalados como preferentes no acceso ás vivendas do Programa de Vivendas
Baleiras poderán percibir o Bono de Aluguer Social por un período de 12 meses ampliable ata os tres
anos. O Bono consiste nunha axuda ao aluguer cunha contía de 150, 175 ou 200 euros mensuais,
segundo a localidade onde estea situada a vivenda sobre a que se subscriba o contrato de
arrendamento.