Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O DOG PUBLICA HOXE A LICITACIÓN DAS OBRAS DE MELLORA DE 4 RÚAS EN SAN PAIO DE NAVIA CUN INVESTIMENTO SUPERIOR AOS 765.000 EUROS

§  O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, informou hoxe do anuncio en rolda de prensa

§  A previsión é que os traballos comecen a finais do mes de agosto

§  O prazo de presentación das ofertas por parte das empresas remata o 15 de marzo

§  López-Chaves tamén informou de que hoxe se aproba a adxudicación dunha vivenda en Marín a unha familia de Vigo que estaba en risco de desafiuzamento

 

Vigo, 17 de febreiro de 2017 .- A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras de reparación de infraestruturas en San Paio de Navia. Concretamente, trátase da mellora de 4 rúas no barrio vigués que contan cun investimento superior aos 765.000 euros. http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170217/AnuncioC3Q2-130217-0002_gl.html

 

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, informou esta mañá en rolda de prensa do anuncio publicado hoxe no DOG e explicou que o proxecto contempla a reparación nas seguintes rúas: Poza Cabalo, Limpiño, Lamelas e Pedra Seixa (entre Lamelas e Poza Cabalo). “Son obras nestas vías que posteriormente cederanse ao Concello de Vigo”, especificou o delegado, sinalando a continuación que “coma consecuencia dos traballos feitos no contorno” –zona verde, pavillón ou campo de fútbol, entre outras dotacións- “era necesario executar distintas obras de reparación” en ditas rúas.

 

Así, o proxecto contempla a realización da reparación de fecais, pluviais, galería de servizos, reposición de pavimentación, iluminación pública, xestión de residuos e seguridade e saúde. A lonxitude dos viarios afectados polas reparacións chega aos 1.280 metros.    

 

Coma dixo López-Chaves, a previsión é que os traballos comecen a finais de agosto tendo os mesmos un prazo de execución de 5 meses para, despois, pasen a ser de titularidade municipal. A partires de hoxe, as empresas interesadas teñen de prazo ata o 15 de marzo para presentar as súas ofertas. 

 

Vivenda para unha familia de Vigo

O delegado aproveitou tamén a rolda de prensa para informar de que hoxe, a Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra ten previsto propoñer a adxudicación dunha vivenda no Concello de Marín a unha familia viguesa que estaba en risco de desafiuzamento.

 

Tras isto, procederase de forma inmediata á firma do contrato. “Unha vez tivemos coñecemento do caso, inmediatamente adoptamos todos os protocolos e hoxe podemos adxudicarlles esta vivenda”, explicou López-Chaves, quen explicou tamén que a través do programa Reconduce solicitouse un aprazamento do desafiuzamento no xulgado.

 

López-Chaves lamentou que esta familia viguesa teña que abandonar o seu municipio xa que a Xunta non ten vivendas sociais baleiras no mesmo, polo que volveu instar ao Concello de Vigo a que se incorpore ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta de Galicia para poder mobilizar vivendas particulares e poñelas á disposición das familias con problemas.

 

Cómpre lembrar que a Valedora do Pobo recomendoulle ao citado municipio avaliar a conveniencia de sumarse a este programa da Xunta e o Parlamento demandoulle as actuacións necesarias para adherirse á medida.