Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A conselleira de Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada do delegado da Xunta, José Manuel Balseiro, asinou hoxe os convenios de adhesión á iniciativa dos municipios de Mondoñedo, Trabada, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Viveiro e Guitiriz

SEIS CONCELLOS DA PROVINCIA DE LUGO ÚNENSE AO PROGRAMA DE VIVENDAS BALEIRAS DA XUNTA DE GALICIA PARA CREAR BOLSAS DE VIVENDAS SOCIAIS COS SEUS INMOBLES DESOCUPADOS

§  Vázquez Mourelle indica que, coa sinatura de hoxe, son xa 39 os municipios que forman parte desta iniciativa da Xunta consensuada coa Fegamp 
§  Informa de que este convenio fixa un prezo máximo da renda do aluguer de 300 euros no caso dos concellos de Viveiro e Monforte de Lemos; e de 250  no caso dos outros catro: Mondoñedo, Guitiriz, Trabada e A Pobra do Brollón 
§  As vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente garantidas pola Xunta, cun seguro multirrisco do fogar e outro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica 
§  Salienta a importancia de que se sigan sumando concellos a esta iniciativa, xa que cómpren instrumentos para ofrecer solucións reais ás familias con problemas reais en materia de vivenda, sexa cal sexa o lugar onde viven 
§  Sinala que tendo en conta que son as grandes cidades onde se rexistra maior número de desafiuzamentos, celebraría que o Concello de Lugo axilizase os trámites e se dispuxese a asinar canto antes a súa incorporación ao programa

 

Lugo, 21 de febreiro de 2017.- Seis concellos da provincia de Lugo uníronse hoxe ao Programa de Vivendas Balerias da Xunta, co obxectivo de crear bolsas de vivendas sociais cos inmobles desocupados. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asinou hoxe os convenios de adhesión a este programa dos concellos de Mondoñedo, Guitiriz, Trabada, Viveiro, Monforte de Lemos e A Pobra dp Brollón cos alcaldes e representantes dos municipios.

 

Vázquez Mourelle destacou que, coa sinatura de hoxe, estes 6 concellos da provincia de Lugo únense aos outros 33 que xa teñen firmado o acordo, resultando 39 os que xa forman parte do programa.

 

O obxectivo prioritario do Programa é crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando as vivendas de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas contando, para isto, coa colaboración das Administracións locais.

 

Este convenio fixa un prezo máximo da renda do aluguer de 300 euros no caso dos concellos de Viveiro e Monforte de Lemos; e de 250   no caso dos outros catro: Mondoñedo, Guitiriz, Trabada e A Pobra de Brollón. A contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios.

 

A conselleira explicou que se trata de que o alugueiro resulte de interese, tanto para o arrendador como para o arrendatario: que ao propietario lle compense incorporar a vivenda baleira a este programa pola renda que vai recibir e que o beneficiario pague un alugueiro asequible que é compatible, ademais, con outras axudas que poida percibir, tanto do Concello, como da Xunta.

 

As vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, cun seguro multirrisco do fogar e outro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, para dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios.

 

Sumar esforzos

Ethel Vázquez salientou que é especialmente importante que se sigan sumando concellos a esta iniciativa da Xunta, xa que cómpre dotar aos municipios dos instrumentos necesarios para poder ofrecer solucións reais ás familias con problemas reais en materia de vivenda, sexa cal sexa o lugar onde viven.

 

A responsable autonómica de Vivenda sinalou que tendo en conta que son as grandes cidades onde se rexistra maior número de desafiuzamentos e de familias que precisan dun fogar, celebraría que o Concello de Lugo axilizase os trámites e se dispuxese a asinar canto antes a súa incorporación ao programa.

 

O Goberno galego continúa a poñer todos os medios para loitar contra os desafiuzamentos mediante o impulso de 12 medidas, que a Valedora do Pobo, no seu informe de 2015, recoñece  “significativamente máis ambicioso que o doutras comunidades autónomas”.