§
O director do Instituto Galego de Vivenda e Solo explicou no Parlamento as medidas
da Xunta, fronte ás actuacións recadatorias que defende a oposición, a través de recargas no
IBI
§
O Goberno galego propón que, no Plan de Vivenda 2018-2021, se regule o
concepto de vivenda baleira
Santiago, 24 de
febreiro de 2016
.-
A Xunta propuxo ao Ministerio de Fomento que, no próximo Plan de Vivenda 2018-2021, se regule a
definición de vivenda baleira, co obxectivo de igualar as distintas definicións que existen
respecto das vivendas desocupadas.
Na súa comparecencia no Parlamento de Galicia, o director do Instituto
Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García, explicou que esta proposta está incluída no escrito
remitido pola Consellería ao Ministerio no pasado mes de xaneiro. García Porto respondía a unha
pregunta sobre as xestións realizadas pola Xunta para que o goberno de España regulase dita
definición para que os concellos que o desexen poidan aplicar recargas no IBI ás vivendas
desocupadas.
O director salientou que “o Goberno autonómico prefire actuar a través
de medidas positivas que incentiven a posta en servizo de ditos inmobles, en vez de empregar
actuacións recadatorias, como son os recargas no IBI, que calificou como “pouco efectivo dende o
punto de vista de dinamización do parque de vivendas baleiras”.
A política do Executivo autonómico aposta por convenios coa Sareb e
entidades financeiras, o Censo de Vivendas Baleiras e o Programa de Vivendas Baleiras, que van
dirixidos a poñer a disposición dos cidadáns, e de maneira moi especial dos máis desfavorecidos,
vivendas desocupadas, ofrecendo incentivos aos propietarios das mesmas e axudas aos
adxudicatarios.
García Porto remarcou que “o Programa de Vivendas Baleiras mobiliza o
parque de vivendas desocupadas existentes en Galicia, calquera que sexa o seu propietario, para
destinalas a alugueiro social, por iso este sistema desenvolvese en colaboración cos concellos, que
son os encargados de incorporar os inmobles ao programa da Xunta, así como da adxudicación das
mesmas, mentres a Consellería de Infraestruturas e Vivenda outorga garantías aos propietarios, a
través dun seguro multirrisco fogar e un seguro de pago da renda e asistencia xurídica, que cubrirá
as vivendas incorporadas ao programa durante o tempo que estean alugadas”.
Ademais, indicou que os adxudicatarios de vivendas do Programa de
Vivendas Baleiras poden beneficiarse, se cumpren os requisitos establecidos, das axudas do Bono de
Alugueiro Social.
O director do IGVS puxo o exemplo da cidade da Coruña, onde o prezo
máximo do alugueiro de vivendas que se incluísen no Programa de Vivendas Baleiras é de 350 euros
mensuais e a axuda do Bono de Alugueiro Social é de 200 euros mensuais, polo que a Xunta correría
con máis do 50 % do custe do alugueiro durante un período máximo de tres anos.
Por outra parte, aclarou que “o Censo de Vivendas Baleiras recolle as
vivendas desocupadas e en estado de habitabilidade propiedade das entidades financeiras e as súas
inmobiliarias nos concellos de máis de 10.000 habitantes. A través deste Censo a Xunta coñece o
número, situación e características das vivendas baleiras, o que permitirá planificar medidas
axeitadas en cada caso”.