Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA CONVOCA AS AXUDAS DO PLAN REHALUGA PARA A REHABILITACIÓN DE VIVENDAS QUE SE DESTINEN A ALUGUEIRO SOCIAL

- As axudas a fondo perdido que ofrece o Goberno galego serán de 4.000 cando sexan edificios de vivendas e de ata 5.500 ao tratarse de vivendas unifamiliares

- O Diario oficial de Galicia publica hoxe a orde destas axudas pioneiras, coas que se pretende axudar aos propietarios de inmobles desocupados a dotalos das condicións de habitabilidade necesarias para destinalos a alugueiro social

- Poderán optar a estas axudas os propietarios de inmobles desocupados situados en algún dos 44 concellos adheridos ao Programa de Vivendas Baleiras

 

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2017 .- A Xunta convoca as axudas do Plan Rehaluga para a rehabilitación de vivendas que se destinen a alugueiro social. Os propietarios de inmobles incluídos no Programa de Vivendas Baleiras creado pola Xunta poderán beneficiarse de axudas para a realización de obras de conservación, mantemento e rehabilitación das mesmas.

 

O importe máximo das axudas a fondo perdido que ofrece o Goberno galego serán de 4.000 cando sexan edificios de vivendas e de ata 5.500 ao tratarse de vivendas unifamiliares , tal como establece a Orde que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG) e que regula as bases polas que se rexen estas axudas e a convocatoria para 2017. O obxectivo d o Plan Rehaluga é axudar aos propietarios de inmobles desocupados para dotalos das condicións de habitabilidade necesarias para destinalos a alugueiro social. Para obter máis información pódese consultar o seguinte enlace: https://goo.gl/H7PcOh .

 

Coa posta en marcha do plan Rehaluga poderán beneficiarse destas axudas as persoas, físicas ou xurídicas, que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas e que promovan as actuacións subvencionables.

 

As actuacións deberán realizarse despois da data de solicitude de inscrición no mesmo e antes de solicitar a subvención, sendo necesario un informe municipal que acredite a necesidade das obras para as que se pide a subvención.

 

Serán subvencionables actuacións de conservación e mantemento; e obras de rehabilitación necesarias para garantir a habitabilidade da vivenda, así como para o correcto funcionamento das súas instalacións ou a súa adaptación á normativa vixente.

 

Como exemplo de actuacións subvencionables están accións como o arranxo de baños, o pintado de paredes, o cambio de portas, a reforma da carpintería, a mellora de instalacións ou a renovación de ventás.

 
Ao tratarse dunhas axudas vinculadas ao Programa de Vivendas Baleiras, poderá solicitarse naqueles concellos que xa están adheridos ao mesmo e sempre que existan demandantes de vivenda inscritos no rexistro municipal ao abeiro deste programa.

 

En 2017, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda destinará 300.000 euros a estas axudas, dos que 200.000 estarán destinados a vivendas propiedade de particulares, 50.000 euros as de propiedade de concellos e os outros 50.000 euros a vivendas propiedade de empresas. O importe da convocatoria poderá ampliarse no caso de ser necesario.

 

Como se indica na Orde, poderán optar a estas axudas os propietarios de inmobles desocupados situados en algún dos 44 concellos adheridos ao Programa de Vivendas Baleiras.