Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA AUTORIZA O INICIO DO MOVEMENTO DE TERRAS NAS PARCELAS ADXUDICADAS A FINSA NO PARQUE EMPRESARIAL DA SIONLLA

- A sinatura das escrituras de compravenda realízase no prazo máximo de un mes
- Finsa disporá na Sionlla de cinco parcelas cunha superficie total que supera os 205.000 metros cadrados

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2017.- A empresa madeireira Finsa ampliará as súas instalacións no parque empresarial da Sionlla, en Santiago de Compostela, onde ten adxudicadas cinco parcelas de solo. O consello de administración da empresa pública Xestur, promotora do parque empresarial, autorizou hoxe a formalización da compravenda das parcelas que, a solicitude da empresa, se realizará no prazo máximo dun mes. Tamén se autorizou á empresa para o acceso inmediato ás parcelas adxudicadas co obxectivo de comezar as obras de movemento de terras nas mesmas.

A implantación da madeireira, nunha superficie que supera os 205.000 metros cadrados, dará un impulso definitivo ao parque empresarial da Sionlla, no que dende 2015 se adxudicaron outros 95.000 metros cadrados de solo cunha bonificación do 30 por cento no seu prezo de venda.

Actualmente no parque empresarial da Sionlla xa están implantadas as empresas Mercadona, Talleres Cholo, Bricomart, Supervisión y Control, Campo Novo, Amio Reyspa e Pedras Salgadas. Outras 13 empresas están xa traballando nas parcelas adquiridas na Sionlla, ben construíndo as súas instalacións, agardando licencia municipal para facelo ou redactando os proxectos correspondentes. Os adxudicatarios de solo empresarial a prezo bonificado teñen a obriga de construír as súas instalacións e obter a licenza de actividade no prazo máximo de tres anos, a contar dende a formalización da compravenda.

Por outra parte, no pasado mes de agosto Xestur asinou o contrato de compravenda dunha parcela á cooperativa de transportistas Compostra S.C.G. que instalará no parque empresarial unha nave de almacenaxe e oficinas e o aparcamento para os seus camións.