Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA AVANZA QUE O CONCURSO DE VENDA DE SOLO EMPRESARIAL DA PLISAN SE CONVOCARÁ ANTES DE FINAIS DE ANO

- O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, confirma no Parlamento a adxudicación das obras de construción da depuradora da Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves
- A zona loxístico empresarial terá máis de 400.000 m2 de parcelas, aplicándose un prezo de 50 euros por metro cadrado aos primeiros 100.000 vendidos
- As obras dos servizos xerais da primeira fase están practicamente rematadas
- Antes de finais de ano licitaranse as obras de urbanización interior da zona loxístico empresarial e a estación de tratamento de auga potable

 

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2017.- A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, convocará antes de que remate 2017 o concurso de venda de solo empresarial as primeiras parcelas da Plataforma Loxístico-Industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN), por medio dun concurso público, segundo indicou hoxe o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, no Parlamento de Galicia.

 

Os primeiros 100.000 metros cadrados de solo que se vendan na Plisan terán un prezo de 50 euros por m 2, acordado polas tres administracións que promoven esta actuación. As empresas interesadas tamén poderán acceder ao solo mediante a adxudicación en dereito de superficie, co pago dun canon anual moi reducido e a posibilidade de acceder á propiedade das parcelas nos dez primeiros anos, descontando do prezo de venda o 40% do aportado en concepto de canon anual. As empresas poderán simultanear a construción das súas instalacións co remate das obras de urbanización.

 

Heriberto García tamén anunciou que xa se adxudicou a construción da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Plisan por importe de máis de 3,1 millóns de euros. A adxudicación inclúe a construción da EDAR, accesos á mesma, colectores de entrada e saída, acometida eléctrica e outros traballos necesarios para a posta en marcha da mesma, así como o mantemento das instalacións durante os tres primeiros anos.

 

Actualmente, xa están practicamente rematadas as obras dos sistemas xerais da primeira fase da Plisan, que se iniciaron a finais de 2015 e nas que se investiron preto de 11 millóns de euros. Antes do fin de 2017, prevese licitar a estación de tratamento de auga potable (ETAP) e a urbanización interior da zona loxístico empresarial na que se crearán as primeiras parcelas que se porán a disposición das empresas, cunha superficie total de máis de 400.000 m 2.

 

Dende 2009, a Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria de Vigo e a Zona Franca de Vigo levan investido na Plisan máis de 100 millóns de euros, destinados ao pago de terreos e ás obras realizadas ou previstas para os próximos meses.

 

Nese período, ademais das obras indicadas, deuse seguridade xurídica ao desenvolvemento da plataforma co pago do solo pendente como consecuencia de preto de 5.000 sentencias. Ata este momento, lévanse pagado máis de 10,3 millóns de euros en xustiprezos que estaban pendentes e antes de finais de ano pagaranse outros 2,6 millóns e quedarán listos para pagar a comezos do ano próximo 1,2 millóns de euros.

 

Así mesmo, está en tramitación a retroacción do expediente de expropiación para incluír os dereitos mineiros e zona multifuncional industrial e que afecta a máis de 2.300 fincas (aproximadamente 1,9 millóns de euros). Este expediente estará rematado a principios do vindeiro ano.

 

Con estas actuacións conseguiuse definitivamente pechar os problemas de pagamentos pendentes de solo, o que supón un gran avance dado a complexidade xurídica e administrativa da actuación.