Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA LEMBRA QUE O CONCELLO DE SANTIAGO DEIXOU SEN EXECUTAR MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS EN ACTUACIÓNS NAS ÁREAS DE REHABILITACIÓN DECLARADAS NA CIDADE

- A xestión que fai o concello das ARI levou á perda deses fondos e a ter que prorrogar convenios
- Case sete meses despois de asinar os convenios de 2017, que vencen a finais de decembro deste ano, o concello aínda non convocou as axudas, polo que non poden ser solicitadas polos interesados
- O Goberno galego conta cun programa de axudas para a instalación de ascensores e salvaescaleiras alí onde non se dispón deles, cuxa convocatoria está aberta ata o 31 de maio e dotada cun total de 2,5 millóns de euros

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2018.-
A Xunta de Galicia lembra que o Concello de Santiago deixou sen executar máis dun millón de euros en actuacións nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) declaradas na cidade.

O Concello de Santiago está a ofrecer unha visión parcial e distorsionada en relación ao financiamento de actuacións nestas áreas, xa que a Administración local non aporta fondos para as mesmas, que son financiadas exclusivamente pola Xunta e o Ministerio.

Cabe salientar que o reparto dos fondos entre as ARI declaradas foi realizado polo propio Concello de Santiago, que decidiu destinar o 35 % dos mesmos a Vista Alegre (máis de 509.000 euros), mentres a Pontepedriña ou Vite destinan o 25 % e ao casco histórico menos do 15 % dos fondos financiados pola Xunta e o Ministerio de Fomento.

No momento actual están aínda pendentes de convocar por parte do concello de Santiago as axudas correspondentes a 2017, malia que os convenios polos que a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento achegan máis de 1,44 millóns de euros para subvencións foron asinados o 26 de outubro de 2017. Case sete meses despois, o concello aínda non abriu o prazo para que se poidan solicitar as axudas, malia que o prazo de vixencia do convenio remate a finais de decembro de 2018.

O incumprimento dos convenios das áreas de rehabilitación por parte do concello son continuos e xa obrigaron a prorrogar a vixencia dos mesmos para tentar evitar que parte dos fondos asignados se perdan. Desta maneira, en outubro de 2017 prorrogouse ata finais de 2018 a vixencia de catro convenios, dous no casco histórico, un en Pontepedriña e outro en Vista Alegre, xa que de non facelo a finais de 2017 perderíanse os fondos sen executar nas tres áreas de rehabilitación.

Polo que respecta á instalación de ascensores, cómpre sinalar que ademais das axudas das áreas de rehabilitación, existe o programa de axudas específicas para a instalación de ascensores e salvaescaleiras alí onde non se dispón deles, podendo chegar ao 60 % do importe da subvención. Neste sentido, a segunda convocatoria destas axudas, correspondente a 2018, está aberta ata o 31 de maio e dotada cun total de 2,5 millóns de euros.