Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O CONSELLO DA XUNTA AUTORIZA A CONVOCATORIA DAS AXUDAS AO ALUGUEIRO de 2018 POR IMPORTE DE 14,8 MILLÓNS DE EUROS

- A orde publicarase de inmediato no Diario Oficial de Galicia e as solicitudes poderán presentarse xa na próxima semana
- Haberá dúas liñas de axudas: unha con carácter xeral e outra destinada a menores de 35 anos
- A axuda será do 40 por cento do custo do alugueiro con carácter xeral e do 50% cando se trate de maiores de 65 anos ou menores de 35 
- As subvencións poderán desfrutarse ata tres anos e concederanse con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 201
- Coa aprobación desta orde a Xunta avanza os trámites para a concesión das axudas en tanto o Ministerio de Fomento non formaliza os acordos coas autonomías para o reparto dos fondos do Plan estatal de vivenda

 

A Xunta de Galicia destinará un total de 14,8 millóns de euros a axudas para o pago do alugamento de vivendas, segundo establece a Orde da consellería de Infraestruturas e Vivenda que hoxe aprobou o Consello da Xunta e que se publicará de inmediato no Diario Oficial de Galicia. Estas axudas inclúense no Plan de vivenda 2018-2021 e distribúense nas anualidades de 2018, 2019, 2020 e 2021 ao concederse por un prazo de ata tres anos.

 

Coa aprobación desta orde a Xunta avanza os trámites para a concesión das axudas en tanto o Ministerio de Fomento non formaliza os acordos coas autonomías para o reparto dos fondos do Plan estatal de vivenda

 

A convocatoria de axudas ao alugamento de 2018 inclúe dúas modalidades, unha dirixida con carácter xeral a toda a poboación que cumpra os requisitos establecidos e outra específica para menores de 35 anos.

 

En ambos os dous casos, as axudas destinaranse a subvencionar o custo do alugueiro da vivenda que constitúa o domicilio habitual e permanente dos beneficiarios durante todo o período de concesión das mesmas.

 

Axudas

A contía das axudas xerais será do 40 por cento da renda mensual, agás para aquelas persoas que na data de presentación da solicitude teñan máis de 65 anos, en cuxo caso a axuda será do 50 por cento da renda mensual.

 

No caso das axudas á mocidade o importe da mesma será do 50 por cento da renda mensual que se deba satisfacer polo alugamento.

 

Nos dous casos as axudas concederanse por un prazo de tres anos, sempre e cando os beneficiarios soliciten as prórrogas correspondentes acreditando que continuan cumprindo os requisitos establecidos.

 

As axudas terán carácter retroactivo dende o 1 de xaneiro de 2018 para os solicitantes que presenten un contrato desa data ou anterior. Para contratos posteriores a axuda concederase dende a data de efectos económicos do mesmo.

 

Os solicitantes das axudas ao alugamento deberán acreditar que os ingresos das persoas que compoñen a unidade de convivencia están comprendidos no intervalo entre 0,7 e 2,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), coas seguintes excepcións:

 

  • Familias numerosas de categoría xeral ou persoas con determinadas discapacidade establecidas na Orde. Nestes casos o límite máximo de ingresos será de catro veces o IPREM.

 

  • Familias numerosas de categoría especial ou persoas con discapacidade dalgún dos tipos indicados na Orde. O límite máximo de ingresos será de cinco veces o IPREM.

 

 

Requisitos das vivendas alugadas

Para acceder a estas axudas o importe do alugueiro que pagan os beneficiarios das mesmas non poderán superar os seguintes máximos:

 

Zona Territorial

Importe da renda mensual de alugamento

Concellos

Prezo máximo superior

500€

A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra.

Zona territorial 1

400€

Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo.

Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba, e Viveiro.

Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.

A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Zona territorial 2

300€

O resto de concellos de Galicia