- A modificación afecta ás ordenanzas do parque e ten como obxectivo simplificar e flexibilizar
as condicións de instalación de empresas no mesmo
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2018.- O Diario Oficial de Galicia vén de
publicar hoxe o sometemento a exposición pública da modificación puntual do proxecto sectorial do
parque empresarial de Bértoa, en Carballo. Durante o prazo dun mes estará sometida a información
pública, co obxectivo de que os interesados poidan presentar as alegacións que consideren
oportunas, tal como recolle o anuncio que se pode consultar no seguinte enlace ao DOG:
https://bit.ly/2N0Qtpv
Esta modificación do proxecto sectorial do parque empresarial de Carballo trata de dar unha
resposta máis áxil ás necesidades detectadas por Xestur como empresa promotora da actuación.
Con este fin inclúese unha serie de modificacións das ordenanzas do proxecto sectorial que
simplifiquen a súa aplicación e modifícanse os criterios para a compatibilidade entre usos
diferentes nunha mesma parcela, co obxectivo de flexibilizar a implantación de actividades no
parque. Da mesma maneira mudan aspectos como a obriga de ter que redactar estudos de detalle en
determinadas ordenanzas ou as condicións dos peches das parcelas.
Tamén se pretende facilitar as condicións para o desenvolvemento de proxectos naqueles
aspectos que xa están regulados en leis e normas vixentes, e evitar así que se produza un dobre
marco normativo que complique as tramitacións de proxectos no parque.