Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE LICITARÁ MAÑÁ O PROXECTOS PARA A INSTALACIÓN DE TRES NOVAS VIVENDAS MODULARES NO CONCELLO DE SOBER

• Este será o segundo municipio no que o Instituto Galego de Vivenda e Solo ensaiará esta fórmula construtiva para aumentar o parque de vivendas protexidas
• A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse hoxe co alcalde de Sober, Luis Fernández, para anunciarlle a licitación inminente da redacción de proxecto e obra por un importe de preto de medio millón de euros

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2018-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licitará mañá a redacción do proxecto e a obra para a instalación de tres novas vivendas modulares de promoción pública no Concello de Sober (Lugo), o segundo municipio galego en beneficiarse deste programa pioneiro impulsado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Así llo trasladou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, ao rexedor de Sober, Luis Fernández, con quen mantivo unha reunión de traballo para abordar diversos asuntos de interese para o municipio. Concretamente, Vázquez Mejuto explicoulle ao alcalde que o contrato sairá a licitación por un importe inicial de case 500.000 euros e cun prazo estimado de execución de 10 meses, polo que a previsión é que o próximo ano estas vivendas estean xa dispoñibles.

Cómpre lembrar que o Concello ourensán de Cenlle foi o primeiro en sumarse a este proxecto piloto, posto en marcha este mesmo ano polo IGVS e co que se pretende construír pequenos grupos de vivendas modulares de promoción pública e tipoloxía unifamiliar en concellos eminentemente de carácter rural.

Con este programa búscase un dobre obxectivo xa que, por un lado, a construción modular supón unha forma áxil de incrementar o parque de vivendas protexidas existente xa que reduce de forma notable os tempos de construción e pola outra, tamén representa a aposta da Xunta pola innovación en materia de edificación residencial.

Neste sentido, cómpre precisar que, unha vez redactado o proxecto construtivo e supervisado por parte do IGVS, o proceso de construción destas vivendas levarase a cabo na súa totalidade en fábrica. Deste xeito, o impacto no lugar elixido en Sober para a súa localización será mínimo, xa que a única obra requirida previa á montaxe e instalación destes inmobles será a execución dos cimentos.