Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE ADXUDICARÁ EN FEBREIRO AS OBRAS DE REHABILITACIÓN DO INMOBLE 44 DA RÚA ALEMAÑA, NO BARRIO DE MONTEPORREIRO EN PONTEVEDRA

• Grazas á actuación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a cidade disporá de tres novas vivendas protexidas, así como dun local comercial
• A conselleira avanza que este mesmo verán se rematarán ao obras de mellora da eficiencia enerxética nas vivendas da rúa Bélxica
• Salienta o esforzo do Goberno galego por establecer medidas que faciliten o acceso á vivenda e promovan a rehabilitación de inmobles, para as que no ano 2019 se habilitarán máis de 50 millóns de euros

Pontevedra, 9 de xaneiro de 2019-. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantou esta mañá que o Instituto de Vivenda e Solo (IGVS) prevé adxudicar as obras de rehabilitación do inmoble localizado no número 44 da rúa Alemaña, no barrio de Monteporreiro, ao longo do mes de febreiro. Así o avanzou esta mañá durante a visita ao inmoble que será obxecto desta actuación, na que a Xunta inviste preto de 200.000 euros, cos que se poderán habilitar tres novas vivendas e un local comercial.

Recordou que as obras foron licitadas no mes de decembro e agora estase a analizar a documentación para a adxudicación do mesmo, co fin de iniciar as obras, que teñen un prazo de execución de 5 meses, e proceder a súa entrega a familias que o precisen.

A conselleira de Medio Ambiente salientou o compromiso en materia de vivenda coa cidade do Lérez e, concretamente, co barrio de Monteporreiro, no que se teñen investido máis de dous millóns de euros.

Recordou que no ano 2013 se achegaron 1,35 millóns de euros para a mellora e urbanización deste barrio, no treito entre as rúas Irlanda e Luxemburgo; que se suman aos máis de 500.000 euros dedicados ás obras de mellora de eficiencia enerxética que se están a levar a cabo en 79 vivendas protexidas localizada na rúa Bélxica. Ángeles Vázquez adiantou que a previsión que manexa o IGVS é rematar dita actuación, que permitirá mellorar o sistema de illamento térmico das fachadas (unha superficie global de máis de 4.000 m2), este mesmo verán.

Cómpre lembrar que, en total, a cidade de Pontevedra dispón nestes momentos de arredor de 500 vivendas en réxime de promoción pública, ben sexa adxudicadas en réxime de alugueiro ou ben en compra-venta.

Dúas áreas de rehabilitación integral
A conselleira de Medio Ambiente recordou que en Pontevedra están en marcha actuacións en dúas Áreas de Rehabilitación Integral, para as cales se teñen asignado 2,12 millóns de euros. Concretamente, destinaranse a obras en curso e futuras dos particulares que decidan rehabilitar inmobles na ARI do Conxunto Histórico e da Estribela, na que xa se teñen executado traballos por un importe de máis de 1,4 millóns de euros.

Por último, a conselleira destacou que o Goberno galego está a facer un importante esforzo para facilitar o acceso á vivenda e promover unha cultura de rehabilitación, tal e como demostran as distintas liñas de axudas que se porán en marcha ao longo deste ano para o conxunto da Comunidade e da que por suposto se poderán beneficiar os pontevedreses. “Son 16 liñas de traballo que suman un importe global de preto de 53 millóns de euros, coas que se poderán conceder ata 9.500 axudas a particulares, comunidades, concellos e promotores”, resumiu a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.