Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE CONVOCARÁ EN FEBREIRO A ORDE DE AXUDAS PARA REHABILITAR VIVENDAS DE MESTRES, DOTADA CON PRETO DE 2 MILLÓNS

• É o terceiro ano que o Instituto Galego de Vivenda e Solo saca esta liña de subvencións dirixida a municipios de menos de 20.000 habitantes co obxectivo de facilitarlles a creación dun parque propio de vivenda pública en aluguer
• A conselleira Ángeles Vázquez visitou esta mañá en Cualedro un inmoble con 5 vivendas de mestres nas que se acometeron obras de rehabilitación e mellora de eficiencia enerxética grazas á achega de 320.000 € realizada polo seu departamento
• Nas convocatorias dos anos 2017 e 2018, un total de 19 concellos acolléronse a estas subvencións co fin de intervir sobre 41 inmobles da súa propiedade

Cualedro (Ourense), 29 de xaneiro de 2019-. O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) convocará a comezos de febreiro a liña de axudas para a rehabilitación de antigas vivendas de mestres e doutros oficios de titularidade municipal, dotada con preto de 2 millóns de euros e dirixida a concellos con menos de 20.000 habitantes. Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao Concello de Cualedro (Ourense) para coñecer os traballos de rehabilitación acometidos nun edificio de vivendas de mestres e financiados a través desta mesma liña de axudas.

Concretamente, Vázquez Mejuto explicou que a achega da Xunta neste caso ascendeu a 320.000 euros, o 88% do custo total da intervención. Grazas a estes fondos o concello puido acometer os traballos de rehabilitación de 5 vivendas así como realizar unha obra de mellora enerxética no inmoble, actuación financiada neste caso con cargo a outra orde de axudas FEDER para actuar sobre edificios residenciais de titularidade municipal.

O seguinte paso será a adxudicación destas vivendas por parte do concello de Cualedro a 5 familias que, doutro xeito, terían máis complicado acceder a un aluguer xa que, como indicou a conselleira, os ingresos dos beneficiarios destes pisos non poderán superar 2,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).

Neste sentido, Ángeles Vázquez salientou a importancia que ten para os municipios esta liña de axudas, que en 2019 cumprirá a súa terceira convocatoria e da que nos dous anos anteriores xa se beneficiaron 19 concellos co obxectivo de rehabilitar un total de 41 vivendas de mestres. A través destas axudas, segundo explicou, foméntase a creación dun parque de vivenda pública en réxime de aluguer de propiedade municipal, un obxectivo que sería “moi difícil” de acadar, especialmente no caso dos concellos máis pequenos e con menor dispoñibilidade orzamentaria, se tiveran que promovelo “sen contar coa apoio da Xunta”.

Co fin de garantir este obxectivo e en vista dos “bos resultados” das dúas convocatorias anteriores, a conselleira explicou que en 2019 a orde disporá dun orzamento de 1,76 millóns de euros, o que supón máis do dobre do crédito disposto na primeira convocatoria realizada no ano 2017 (850.000 €) e un 86% máis que na do ano pasado (948.332 €).

De forma complementaria, explicou que estas axudas son compatibles cos préstamos autonómicos do Fondo de Cooperación, fondos que os concellos poderán destinar a mercar os inmobles a restaurar ou incluso a completar o custo das obras de rehabilitación, xa que lembrou que a subvención do IGVS está limitada ao 90% do importe da actuación.

As entidades locais con edificios e vivendas da súa titularidade que requiran de rehabilitación só terán que cumprir dous requisitos para poder acceder á próxima liña de axudas: ter menos de 20.000 habitantes e dispoñer de veciños inscritos no rexistro único de demandantes de vivenda da Xunta.

Axudas para rehabilitación e acceso á vivenda 2019
As axudas a concellos para a rehabilitación de antigas vivendas de mestres forman parte dun paquete de 16 liñas de subvención que o IGVS ten previsto convocar para o ano 2019 co obxectivo de financiar actuacións de rehabilitación e facilitar o acceso dos galegos á vivenda. En total, o Goberno galego mobilizará preto de 53 millóns de euros a través destas axudas, coas que prevé chegar a uns 9.500 beneficiarios entre propietarios particulares, comunidades de veciños, entidades locais e promotores.

Neste sentido, a titular de Medio Ambiente resaltou a firma “aposta” que está a realizar a Xunta de Galicia pola rehabilitación a través tanto das subvencións como das actuacións directas a executar por parte do IGVS. Este esforzo investidor unido á importante novidade lexislativa que suporá a aprobación da primeira Lei de Rehabilitación da comunidade, remitida a semana pasada ao Parlamento para a súa tramitación, permitirán que Galicia sexa “unha comunidade máis respectuosa co coidado do patrimonio” e comprometida coa preservación “do xa construído”, como resaltou a conselleira.