• Agora corresponde ao concello a aprobación definitiva do plan parcial, tras o cal a Xunta
rematará a adquisición do solo necesario para a urbanización que permitirá a construción de preto
de 1.600 vivendas protexidas
• A Xunta é propietaria do 50 por cento deste ámbito despois de mobilizar un total de 10
millóns de euros á compra de terreos
• O Instituto Galego de Vivenda e Solo xa licitou o pasado mes de novembro os traballos de
redacción do proxecto de urbanización
Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda vén de remitir ao Concello de Vigo o informe das alegacións recibidas á
modificación do plan parcial de San Paio de Navia, xunto co resto da documentación correspondente.
Con este trámite avánzase no proceso que levará ao concello á aprobación definitiva da modificación
do plan parcial polo que se rexerá a ampliación do solo residencial de San Paio de Navia por parte
da Xunta.
A modificación do devandito plan foi aprobada inicialmente polo Concello de Vigo o 26 de
xaneiro de 2018 e ten como obxectivo posibilitar a urbanización por parte do Instituto Galego de
Vivenda e Solo (IGVS) de 265.000 metros cadrados, o que permitirá a construción de case 1.600
vivendas protexidas. Cómpre precisar que algunhas das alegacións recibidas, entre elas a solicitude
da construción dun colexio, non encaixan nin son o obxecto da modificación do plan parcial coa que
se pretende planificar solo residencial nesta zona, polo que non poden regularse a través deste
instrumento.
Paralelamente á tramitación do plan parcial, a entidade dependente da Consellería de Medio
Ambiente, Territorio e Vivenda continuou traballando na adquisición do solo que será obxecto de
urbanización. Concretamente, o IGVS destinou 10 millóns de euros á adquisición de 50.000 metros
cadrados de terreos, co que se converteu en propietario de arredor de 130.000 metros cadrados,
aproximadamente o 50 por cento do ámbito.
Por outra parte, unha vez aprobado inicialmente o plan parcial, realizouse unha oferta
pública de permuta de solo por edificabilidade e unha vez aprobado definitivamente o plan e
rematada a fase de permuta, procederase á expropiación dos terreos do primeiro polígono que non
foran adquiridos en compravenda ou permuta.
Así mesmo, o pasado 26 de novembro licitouse o contrato para a redacción do proxecto de
urbanización, que actualmente se atopa en proceso de adxudicación, por un importe de 263.780 euros.
Para a ampliación do solo residencial de San Paio de Navia, o Instituto Galego de Vivenda e
Solo ten reservada nos orzamentos de 2019 unha partida de 6 millóns de euros que permitirán
culminar a adquisición de solo e avanzar na súa urbanización.