Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

ÁNGELES VÁZQUEZ CHAMA A BUSCAR O MÁXIMO CONSENSO NA CÁMARA PARA GARANTIR UNHA LEI DE REHABILITACIÓN QUE PERDURE NO TEMPO

• A conselleira de Medio Ambiente subliña a protección e a recuperación do patrimonio construído como un dos grandes retos da Xunta para esta lexislatura
• Fai balance do programa ‘Rexurbe’ en 2018, que se saldou coa compra de 26 inmobles a rehabilitar nos cascos históricos de Ourense, Ferrol, Betanzos e Lugo co obxectivo de obter unhas 50 vivendas grazas a un investimento de 8,7 millóns

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2019.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo un chamamento esta tarde a todos os grupos da Cámara galega para buscar “o máximo consenso” entorno á futura Lei de Rehabilitación, a primeira deste tipo coa que contará a comunidade e que, segundo dixo, está chamada a perdurar a longo prazo.

Coincidindo co inicio da tramitación parlamentaria do texto, que será obxecto de debate na Cámara nas próximas semanas, Vázquez Mejuto incidiu na importancia deste texto, que busca facilitar a recuperación dos cascos vellos e tamén dos núcleos rurais, así como a protección de edificacións históricas.

Para logralo, lembrou que a lei elaborada polo seu departamento simplifica e axiliza os trámites para levar a cabo actuacións de rehabilitación; crea as chamadas áreas Rexurbe, zonas delimitadas nos concellos nas que se planificarán intervencións conxuntas e integrais co fin de reactivalas desde unha perspectiva multidisciplinar; fixa un canon para gravar os inmobles en estado de abandono dentro destas áreas; e establece un novo réxime sancionador específico para perseguir as pintadas e graffitis en edificios históricos.

Por iso e ante a relevancia da norma, a responsable de Medio Ambiente da Xunta apelou aos grupos da Cámara para que a primeira Lei de Rehabilitación de Galicia saia aprobada co máximo consenso posible para garantir que cumpra o seu obxectivo de perdurabilidade.

A futura normativa sobre rehabilitación, tal e como recordou a conselleira, enmárcase na aposta decidida da Xunta por esta materia, á que reservará nos orzamentos deste ano preto de 36 millóns de euros para financiar actuacións directas e axudas co fin de seguir avanzando cara a unha cultura de rehabilitación baseada no aproveitamento do patrimonio xa construído e no respecto ao carácter histórico das edificacións. Neste sentido, Vázquez Mejuto fixo balance do chamado Rexurbe, un dos programas para a rehabilitación de zonas degradadas máis destacados da Xunta e que foi convocado por primeira vez en 2018.

Tras lembrar que no marco deste programa a consellería realizou unha oferta pública de adquisición para a compra de inmobles nos cascos históricos de Ourense, Ferrol, Betanzos e Lugo, Ángeles Vázquez explicou que, froito deste proceso, acordouse adquirir un total de 26 edificios sobre os que se intervirá co obxectivo de obter unhas 50 vivendas. Para logralo, a Xunta ten previsto realizar un investimento de 8,7 millóns de euros, dos cales preto de 1,7 millóns destinaranse á compra dos inmobles seleccionados de entre todas as ofertas presentadas e o resto, a sufragar os custos de restauración e rehabilitación dos mesmos.

Á vista destas cifras, a conselleira de Medio Ambiente amosouse satisfeita cos resultados deste programa “pioneiro” en Galicia no seu primeiro ano de implantación e avanzou que se lle dará continuidade este ano.

Rigor, consenso e diálogo co sector
A conselleira de Medio Ambiente tamén abordou as axudas á prevención de danos por ataques de fauna silvestre, que foron elaboradas con rigor, consenso e diálogo co sector; engadindo aquelas cuestións que trasladaron, como a proposta de incluír a adquisición de valados, unha medida que se considera das máis efectivas sobre todo naquelas explotacións que rexistran ataques reiterados ou que contan cun número importante de reses. Outro dos aspectos salientables da orde é a inclusión explícita da raza de can de palleiro, atendendo así a unha demanda do sector, que solicitaba axudas para a compra de exemplares autóctonos.

Recordou que a consellería convocou tres liñas de axuda para previr e paliar os danos por fauna silvestre provoca tanto nos cultivos coma nas explotacións gandeiras e que suman un importe global de 1,4 millóns de euros.