Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE DESTINARÁ ESTE ANO TRES MILLÓNS DE EUROS A FINANCIAR ACTUACIÓNS EN ÁREAS DE REHABILITACIÓN INTEGRAL

• Poderán solicitar estas axudas os concellos con algunha ARI declarada sempre que non solicitaran financiamento para elas en 2018 ou que, de telo recibido, xa o teñan totalmente comprometido con cargo ás anteriores convocatorias
• As 41 entidades locais nas que están localizadas as 69 áreas deste tipo que hai en Galicia dispoñen a partir de mañá dun prazo dun mes para poder solicitalas
• Os fondos deberán destinarse a rehabilitar vivendas e edificios, así como a acometer obras de urbanización e de reurbanización no ámbito destas zonas

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2019
-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) destinará tres millóns de euros a actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios, e obras de urbanización e reurbanización nas áreas de rehabilitación integral (ARI) existentes en Galicia. Con tal fin, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se procede a abrir o prazo para solicitar a participación no programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan de vivenda 2018-2021, que se executa a través das ARI.

A partir de mañá, os concellos cunha ou máis ARIs no seu ámbito municipal e que cumpran os requisitos establecidos terán un mes para solicitar a súa participación no reparto dos fondos destinados a estas zonas en 2019. Concretamente, para poder solicitar as axudas, esíxeselle aos concellos que non recibiran financiamento en 2018, por non telo solicitado, ou que, no caso de telo recibido, este xa estea comprometido. Os interesados deberán presentar unha solicitude para cada unha das ARI que desexen incluír no reparto de fondos, indicando as contías que estiman que poderán executar dentro dos prazos establecidos.

En función das solicitudes recibidas por parte dos concellos con áreas de rehabilitación declaradas, a Xunta realizará o reparto dos fondos dispoñibles entre os mesmos, que ascenden a un total de tres millóns de euros, entre a achega estatal e a autonómica.

Despois do reparto, asinaranse acordos específicos con cada un dos concellos participantes, que deberán realizar as súas propias convocatorias para que os propietarios de vivendas localizadas nas ARI poidan solicitar as correspondentes axudas.

Cómpre lembrar que actualmente Galicia conta con 69 áreas de rehabilitación integral declaradas en 41 concellos, ademais da ARI dos Camiños de Santiago, que comprende 687 parroquias de 126 municipios diferentes (dos cales 107 só teñen a ARI dos Camiños), e da recentemente declarada ARI do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que abrangue catro concellos.

En todo caso, nesta convocatoria non se inclúen as áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago nin das Illas Atlánticas, as únicas xestionadas directamente polo IGVS e non polas entidades locais nas que están localizadas. A convocatoria de axudas para estas dúas ARI realizarase proximamente, por un importe total de dous millóns de euros

Bases
A resolución publicada hoxe inclúe as bases polas que se rexerá a concesión das axudas, ás que poderán optar os propietarios de edificios de vivendas ou de vivendas individuais, as comunidades de propietarios e as súas agrupacións, así como os consorcios e os entes asociativos de xestión. Nestes casos, as axudas irán destinadas á rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas.

Tamén poderán beneficiarse das axudas os propios concellos para acometer actuacións de urbanización e reurbanización do ámbito das ARI e para as oficinas municipais de rehabilitación, que tamén serán financiadas pola Xunta.

Unha vez realizado o reparto entre os concellos dos fondos dispoñibles para esta convocatoria e asinados os correspondentes convenios, as entidades locais deberán proceder á convocatoria das axudas, que poderán solicitar os propietarios das vivendas a rehabilitar.

O importe das axudas estatais non poderán exceder do 40% do custo subvencionable da actuación. Este límite poderá alcanzar ata o 75 por cento cando os ingresos da unidade de convivencia residente sexan inferiores a tres veces o IPREM e tamén cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade ou cando se acredite que na unidade de convivencia promotora da actuación e residente na vivenda ou edificio, existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 años. O importe máximo da axuda por vivenda será:

• 12.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación para actuacións de mellora da eficiencia enerxética e sustentación en vivendas, con redución da demanda enerxética.
• 8.000 euros para actuacións de conservación, da mellora na seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas,
• 30.000 euros por cada vivenda construída en substitución de outra previamente demolida.
• 2.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e/ou por cada vivenda construída para as actuacións de mellora da calidade e sostibilidade do medio urbano.
• 4.000 euros anuais, por unidade de convivencia a realoxar, durante o tempo que duren as obras e ata un máximo de 3 anos, para as actuacións de realoxo temporal.

As axudas incrementaranse nun 25%, cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.

En canto ás axudas autonómicas, terán a contía máxima seguinte:

• 4.000 euros por cada vivenda obxecto da actuación de rehabilitación, sen que a subvención poida exceder do 10 por cento do orzamento protexido de rehabilitación da vivenda ou do edificio.

Así mesmo, os concellos recibirán por cada inmoble rehabilitado ou construído 2.500 euros (1.500 por parte da Xunta e 1.000 do Ministerio) para financiar o custo de xestión e dos equipos e oficinas de planeamento, información, xestión e acompañamento social.