• Poderán solicitarse ata o 31 de outubro de 2019
• As axudas poderán acadar os 17.000 euros por vivenda para actuacións de mellora da
eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas
• No caso de actuacións de conservación, da mellora da seguridade de utilización e da
accesibilidade en vivendas a axuda pode chegar a 13.000 euros
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2019.- A Xunta de Galicia destinará este
ano dous millóns de euros a axudas para a rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas na
área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e na área de rehabilitación integral do
Parque Nacional das Illas Atlánticas, tal como indica a Resolución pola que se realiza a
convocatoria de ditas axudas para 2019, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia.
Para a ARI dos Camiños de Santiago a dotación será de 1,5 millóns de euros e para a ARI das
Illas Atlánticas de 0,5 millóns de euros.
As solicitudes poderán presentarse ata o 31 de outubro de 2019, salvo que previamente se
esgote o orzamento.
Para poder solicitar as axudas destas dúas ARI é requisito imprescindible contar coa
cualificación definitiva outorgada polo IGVS. Esta cualificación obtense despois de realizar as
obras de rehabilitación, para as que previamente deberá obterse a cualificación provisional. O
prazo para a solicitude de cualificación provisional e definitiva abriuse o pasado 3 de xullo e
poderanse solicitar ambas cualificacións ata o 31 de decembro deste ano.
Ademais de quen obteña a cualificación definitiva en 2019, poderán solicitar estas axudas as
persoas e entidades que, estando en posesión da cualificación definitiva da actuación conforme á
normativa da prórroga do Plan 2013-2016, non obtiveran a subvención con anterioridade, salvo nos
supostos en que lle fora denegada por non cumprir os requisitos esixidos.
Beneficiarios das actuacións
No ámbito da ARI dos Camiños de Santiago poderán solicitar a cualificación provisional:
• As comunidades de propietarios e as agrupacións de comunidades de propietarios.
• As agrupacións de propietarios.
• As persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas.
No ámbito da ARI do Parque Nacional das Illas Atlánticas, ademais da recollidas no apartado
anterior, tamén poderán solicitar a cualificación provisional:
• As persoas físicas con algún dereito real sobre un edificio ou vivenda situada neste
ámbito.
• As persoas titulares dunha concesión sobre un edificio ou vivenda situada neste ámbito.
Contía das axudas
As axudas do plan de vivenda son as seguintes:
A contía das axudas non poderá superar o 40 por cento do importe subvencionable da actuación.
Este límite incrementase ata o 75 por cento se os ingresos da unidade de convivencia promotora da
actuación e residente na vivenda son inferiores a tres veces o IPREM ou, cando se acometan
actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia existen
persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.
Dentro deste límites, o importe das axudas serán de:
- Ata 12.000 euros por vivenda para actuacións de mellora da eficiencia enerxética e
sustentabilidade en vivendas, con redución da demanda enerxética. No caso de edificios de tipoloxía
residencial colectiva, incrementarase esta contía con 120 euros por cada metro cadrado de
superficie construída de local comercial ou outros usos. Ademais, poderá incrementarse en 1.000
euros por vivenda e 10 euros por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou
outros usos, nos edificios e vivendas declaradas ben de interese cultural, catalogados ou que
conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente.
- Ata 8.000 euros por vivenda para actuacións de conservación, da mellora da seguridade de
utilización e da accesibilidade en vivendas. No caso de edificios de tipoloxía residencial
colectiva, incrementaranse estas contías con 80 euros por cada metro cadrado de superficie
construída de local comercial ou outros usos. Ademais, poderá incrementarse en 1.000 euros por
vivenda e 10 euros por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos,
nos edificios e vivendas declaradas ben de interese cultural, catalogados ou que conten con
protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente.
- Ata 30.000 euros, por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida.
O importe destas axudas incrementaranse nun 25 por cento cando as persoas beneficiarias sexan
menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.
As axudas da Xunta de Galicia, que se suman ás anteriores, son as seguintes:
- Ata 4.000 euros por vivenda obxecto de actuacións de rehabilitación e/ou renovación, sen
que a subvención poida exceder do 10 por cento do orzamento protexido de actuación da vivenda ou do
edificio.
- Ata 1.000 euros por vivenda obxecto de actuacións de rehabilitación e/ou renovación, sempre
que se adapten á “Guía de cores e materiais” aprobada pola Xunta de Galicia.