Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA APELÁ Á COLABORACIÓN DOS CONCELLOS PARA QUE OS 50 MILLÓNS DE EUROS DAS POLÍTICAS DE VIVENDAS CHEGUEN AOS GALEGOS

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo un encontro con representantes das administración locais da provincia de Coruña para abordar as diferentes liñas e programas da Xunta en materia de vivenda
• Recorda que se teñen habilitado tres programas específicos para os concellos, que buscan fomentar a rehabilitación e promover o acceso á vivenda aos veciños, que suman case 8,5 millóns de euros
• Destaca as axudas do fondo de cooperación aos concellos de menos de 50.000 habitantes, que lles permite executar actuacións subsidiarias nos casos nos que os propietarios desatendan as súas obrigas
• Ángeles Vázquez lembra que Galicia é pioneira en materia de rehabilitación, ao ser a primeira rexión en contar cunha normativa específica, porque non hai maior desprotección que o abandono do patrimonio arquitectónico e edificatorio

A Coruña, 15 de xullo de 2019-. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, solicitou esta mañá aos concellos galegos a súa colaboración para que o orzamento reservado ás políticas de vivenda, máis de 50 millóns de euros en 2019, cheguen a todos os galegos. Así o puxo de manifesto esta mañá durante un encontro cos representantes dos concellos da provincia da Coruña para abordar as diferentes liñas e programas que o Instituto Galego da Vivenda e Solo ten deseñado para facilitar a rehabilitación e o acceso á vivenda.

Explicou que o Goberno galego fai un esforzo inversor, que se traduce en 52,96 millóns de euros, dos cales 26,41 se destinan a medidas e programas orientadas á rehabilitación; mentres que a parte restante (26,55 millóns de euros) se reservan para iniciativas que teñen como obxectivo garantir o acceso á vivenda, onde destacou as axudas dirixidas aos máis mozos e ás mulleres vítimas da violencia de xénero ou de explotación sexual.

Sinalou que aínda está aberto o prazo para a solicitar unha axuda ao abeiro da primeira orde para a adquisición de vivendas en centros históricos dirixida especificamente ao colectivo de menores de 35 anos, e que está dotada de 800.000 euros; un grupo social que tamén se pode beneficiar das axudas para a adquisición de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes ou das axudas ao alugueiro, aos que se lles abona un 50% da renda durante un período máximo de tres anos. Indicou que a previsión do IGVS é convocar esta liña de incentivos (axudas ao alugueiro) antes de que remate o verán.

Ángeles Vázquez salientou a importancia de estar ao carón das persoas que sofren situacións de especial risco; polo que trasladou a necesidade de que os servizos sociais municipais coñezan os programas específicos para apoiar a estas persoas a iniciar un novo futuro. Lembrou que este ano por primeira vez se convocou unha liña de axudas específica para as mulleres vítimas da violencia de xénero, aos seus fillos, e a vítimas de explotación sexual, dotada con 1,6 millóns de euros. Deste xeito, cada solicitante contará con ata 225 euros ao mes para acceder á vivenda, así como a unha única axuda de 600 euros para facer fronte a gastos de contrato.
Tres programas específicos para os concellos
A conselleira de Medio Ambiente indicou que tamén se deseñaron tres programas dirixidos específicamente aos concellos, “que en moitas ocasións teñen proxectos e iniciativas que se quedan en ideas por falta orzamento. Salientou que os tres programas de subvencións implican poñer a disposición das administracións locais preto de 8,5 millóns de euros, para que poidan levar a cabo actuacións de rehabilitación que lles permita facilitar o acceso a unha vivenda aos seus veciños.

O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) deseñou varios programas específicos cos que impulsar a rehabilitación por parte dos concellos (programa de vivendas de mestres e de infravivenda); así como o programa de axudas do fondo de cooperación, que se poden solicitar ata o vindeiro 1 de outubro e que teñen por obxectivo financiar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.

Explicou que a este programa concreto se destinarán 6,4 millóns de euros para apoiar a través de préstamos sen xuros as actuacións, así como facilitar aos concellos a realización de actuacións subsidiarias naqueles casos nos que os propietarios das vivendas se desatendan das súas obrigas. Invitou aos concellos galegos a seguir o exemplo de varios concellos da provincia (Boiro e Ribeira), que xa se acolleron á este programa nas convocatorias anteriores.

Galicia conta coa primeira normativa en materia de rehabilitación
A conselleira de Medio Ambiente destacou que a Comunidade galega é pioneira en materia de rehabilitación, xa que é a primeira rexión en dispoñer dunha normativa específica en materia de rehabilitación. Indicou que se trata dun exemplo máis da aposta do Goberno galego pola recuperación do patrimonio xa construído.

A Lei de Rehabilitación de Galicia, que entrou en vigor en maio, ten como principio básico que “non hai maior desprotección que o seu abandono”, polo que é imprescindible habilitar un escenario propicio para a rehabilitación edificatoria e a rexeneración urbana, que contribuirá a dar vida aos cascos históricos e aos concellos galegos.