Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA LICITA A REHABILITACIÓN DE OITO VIVENDAS EN CERDEDO-COTOBADE POR IMPORTE DE MÁIS DE 770.000 EUROS

• As vivendas forman parte dun grupo de dez inmobles, cedidas polo concello, no que xa se rehabilitaron dúas vivendas

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2019.- A Xunta investirá 770.794,59 euros na rehabilitación de oito vivendas no concello de Cerdedo-Cotobade, emprazadas na Rúa das Longas, número 25 ao 39. O Instituto Galego da Vivenda e Solo vén de licitar as obras de rehabilitación de ditas vivendas. As empresas interesadas en concorrer á licitación teñen ata o 8 de agosto para presentar as súas ofertas.

As oito vivendas cuxa rehabilitación se licita forman un único grupo con outras dúas recentemente rehabilitadas polo IGVS, cun investimento de 386.302 euros.

Na primeira obra, xa realizada, rehabilitáronse dúas vivendas e as cubertas do conxunto de dez vivendas.

As obras das dúas primeiras vivendas están xa rematadas e adxudicadas a través do Rexistro de Demandantes.

Unha vez rehabilitadas as vivendas dispoñen de dous dormitorios, cunha superficie construída de 102,62 metros cadrados e útil 83,30 metros cadrados. Cada vivenda está composta de planta baixa e primeiro piso.