Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

ASINADOS DEZ CONVENIOS DE COLABORACIÓN PARA A INTERVENCIÓN EN DEZ AREAS DE REHABILITACIÓN E A CONSTRUCIÓN DE VIVENDAS EN RÉXIME DE ALUGUEIRO POR UN IMPORTE DE CASE 5,5 MILLÓNS DE EUROS

- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participa na sinatura de sete convenios para a rehabilitación de vivendas e espazos urbanos nos concellos de Chantada, Quiroga, Sober, Vilalba, Viveiro, Ribadavia e Vigo, entidades que non solicitaron os fondos no ano pasado ou que xa os tiveran comprometidos
- Tamén se ratificaron os acordos, recentemente aprobados polo Consello da Xunta, para o remate ou construción de case 100 vivendas nos concellos da Coruña, Sarria e Ribadeo, unha liña de axudas dentro do Plan de Vivenda 2018-2021 co que se pretende impulsar o acceso á vivenda en alugueiro a prezo reducido

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2019-. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta mañá na sinatura dunha decena de convenios de colaboración para levar a cabo actuacións de rehabilitación en dez áreas de sete concellos galegos, así como outros convenios para o remate ou construción de vivendas que serán destinadas ao alugueiro. A totalidade de convenios ascenden a un importe de 5,5 millóns de euros.

A Xunta de Galicia, e o Ministerio, achegan un importe de 2.88 millóns de euros entre sete municipios para financiar actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas, así como actuacións de urbanización e reurbanización no ámbito das Áreas de Rehabilitación Integral (ARI). Son os concellos de Vigo (917.100€), Ribadavia (350.500€), Chantada (280.973€), Quiroga (217.500€), Sober (196.000€), Viveiro (410.000€) e Vilalba (510.145€), entidades locais que non solicitaron financiamento para as súa ARI na convocatoria de 2018 ou xa o tiveran comprometido.

Así, ao amparo deste programa de axudas poderán levarse a cabo as seguintes actuacións:

• Execución conxunta de obras de rehabilitación en edificios e vivendas, incluídas as vivendas unifamiliares. Inclúense ademais as actuacións previstas para os programas de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sostibilidade en vivendas e de fomento da conservación, mellora da seguridade de utilización e de accesibilidade en vivendas.
• Realización de obras de urbanización e reurbanización de espazos públicos .
• A execución de obras de demolición e edificación de vivendas de nova construción.
• O custo do realoxo temporal de ocupantes da súa vivenda habitual, froito das actuacións que se realizan.
• Os gastos de mantemento de equipos técnicos e oficinas de información e xestión municipais.
Unha vez asinados os convenios cos correspondentes concellos, serán estes os encargados de realizar a convocatoria para que os propietarios de vivendas e edificios de vivendas interesados nas mesmas poidan solicitalas.

Axudas a promotores
Neste mesmo acto tamén se asinaron os convenios de acordo de financiamento para a construción e rehabilitación de case 100 vivendas nos concellos da Coruña, Ribadeo e Sarria. Trátase de catro convenios para formalizar as subvencións concedidas ao abeiro do Plan de Vivenda 2018-2021, relativas á convocatoria do actual ano, aprobados a semana pasada polo Consello da Xunta.

Este investimento permitirá construír ou rehabilitar un total de 96 vivendas que, tras as obras, se disporán en réxime de alugueiro a prezo reducido durante un prazo mínimo de 25 anos e a persoas e familias con ingresos que non superen 4,5 veces a contía do IPREM, aínda que no caso de familias numerosas e persoas con determinadas discapacidades os ingresos máximos poderán chegar a 5 veces o IPREM.

No caso da Coruña, onde o promotor da actuación é o propio concello, recibirá unha axuda de 91.800 euros destinados á rehabilitación de cinco vivendas emprazadas na rúa Marqués de Pontejos.

No caso dos concellos de Ribadeo e Sarria, en ambos casos son promotores privados os que se beneficiarán das axudas. En Ribadeo recibirán 982.100 euros permitirá reanudar e rematar unha actuación de 40 vivendas xa iniciada na Rúa Rafael Fernández Cardoso, neste concello da Mariña lucense.

No caso de Sarria, presentáronse dúas ofertas para dúas obras. Un dos proxectos consiste en reanudar e rematar unha actuación de 40 vivendas xa iniciadas na Rúa Castelao, cunha axuda de 1.083.530 euros, e no segundo, unha a construción de 11 novas vivendas na Rúa Frei Xoán, cunha axuda de 215.337 euros.