Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE CONVOCA DOUS PROGRAMAS DE AXUDAS POR PRETO DE TRES MILLÓNS PARA FOMENTAR A PROMOCIÓN DE VIVENDAS EN ALUGUEIRO

• A partir de mañá os interesados poderán acollerse a estas subvencións, cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto durante os próximos dous meses
• Poderán solicitalas os promotores, tanto públicos como privados, de vivendas de nova construción ou rehabilitadas sempre que se destinen ao alugueiro cun prezo regulado durante un período mínimo de 25 ou 40 anos


Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2020.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mobilizará un total de 2.854.576 euros a fomentar a promoción de vivendas destinadas ao alugueiro por medio de dous programas de subvencións dirixidos a promotores, tanto públicos como privados. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se convocan paralelamente as axudas para o fomento do parque de vivenda en alugueiro e as axudas para a promoción de vivendas destinadas a maiores de 65 anos e a persoas con discapacidade.

Este é o segundo ano consecutivo que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) convoca este programa, ao abeiro do cal xa se concederon en 2019 axudas para a construción ou rehabilitación dun total de 96 vivendas por importe de preto de 2,4 millóns de euros. Todos os interesados na convocatoria deste ano poderán presentar as súas solicitudes a partir de mañá e durante un prazo de dous meses.

Promoción de vivendas en alugueiro con carácter xeral
A resolución pola que se convocan as axudas á promoción de vivendas en alugueiro con carácter xeral, cunha dotación de 1.535.654 euros para as anualidades 2020 e 2021, establece que a contía das mesmas poderá chegar ata os 350 euros por metro cadrado. As vivendas deberán destinarse ao alugueiro durante un prazo mínimo de 25 anos a persoas e familias con ingresos que non superen 4,5 veces a contía do indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM), aínda que no caso das familias numerosas e de persoas con determinadas discapacidades, os ingresos máximos poderán chegar a 5 veces o IPREM.

Poderán beneficiarse destas axudas os promotores, tanto públicos como privados, así como cooperativas de vivendas de alugueiro, fundacións, empresas de economía social e organizacións non gobernamentais, entre outros, que cumpran os requisitos establecidos.

As subvencións poderán aplicarse tanto a vivendas de nova construción como a aquelas procedentes de rehabilitacións, sempre que as obras non foran iniciadas antes do 1 de xaneiro do ano 2020 e o inmoble conte con, polo menos, cinco vivendas. Tamén poderán aplicarse a vivendas con obras en curso paralizadas e que se retomen por esta vía ata a súa completa finalización.

Segundo as bases polas que se rexen estas axudas, establécense dúas contías en función dos ingresos dos futuros inquilinos das vivendas.

Así, cando as vivendas se vaian destinar ao alugueiro por persoas ou familias con ingresos que non superen tres veces o IPREM (4 ou 5 veces no caso de familias numerosas ou con determinadas discapacidades), o importe da axuda será de 350 euros por metro cadrado útil de vivenda e non se terán en conta nin o garaxe nin o rocho. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 50 por cento do investimento da actuación, cun límite máximo de 36.750 euros por vivenda.

O prezo de alugueiro destas vivendas tamén estará limitado, e oscilará entre os 3,70 e os 4,90 euros por metro cadrado útil de vivenda, sen incluír o prezo do garaxe e do rocho.

Por outra banda, en caso de que as vivendas se vaian destinar ao alugueiro por parte de persoas ou familias con ingresos que non superen 4,5 veces o IPREM (5 veces no caso de familias numerosas ou con determinadas discapacidades), o importe da axuda será de 300 euros por metro cadrado útil de vivenda, sen ter en conta o garaxe e o rocho. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 40 por cento do investimento da actuación, cun límite máximo de 31.500 euros por vivenda.

O prezo de alugueiro, neste caso, moverase entre os 4,12 e os 5,23 euros por metro cadrado, segundo a área xeográfica.

No seguinte cadro resúmense as contías das rendas en función dos ingresos dos inquilinos e o ámbito territorial no que estean as vivendas.

 

Ingresos máximos dos inquilinos

Ámbito territorial

Renda/m 2 útil de vivenda

Renda/m 2 útil de rocho e garaxe

3 veces o IPREM

(4 ou 5 veces no caso de familias numerosas ou con determinadas discapacidades)

Prezo máximo superior

4,90 €

2,94 €

Zona 1

4,26 €

2,56 €

Zona 2

3,70 €

2,22 €

4,5 veces o IPREM

(5 veces no caso de familias numerosas ou con determinadas discapacidades)

Prezo máximo superior

5,23 €

3,14 €

Zona 1

4,55 €

2,73 €

Zona 2

4,12 €

2,47 €

 

Vivendas destinadas a maiores ou persoas con discapacidade
A convocatoria das axudas para vivendas destinadas a persoas maiores ou con algunha discapacidade publicada hoxe dispón dunha dotación económica de 1.318.922 euros para as anualidades 2020 e 2021. Poderán recibir estas subvencións os promotores, tanto públicos como privados, así como cooperativas de vivendas de alugueiro, fundacións, empresas de economía social e organizacións non gobernamentais, entre outros, sempre que cumpran os requisitos establecidos.

As axudas poderán aplicarse tanto a vivendas de nova construción como ás procedentes de rehabilitacións, sempre que as obras non foran iniciadas antes do 1 de xaneiro de 2020 e o inmoble conte neste caso con, polo menos, oito vivendas.

Ademais, os edificios deberán dispoñer dunhas instalacións e servizos comúns que terán que incluír como mínimo asistencia social, atención médica básica 24 horas dispoñible e próxima, limpeza e mantemento, dispositivos e sistemas de seguridade, restauración, actividades sociais, deportivas, de ocio e culturais, así como terapias preventivas e de rehabilitación. O deseño dos espazos garantirá a adecuación e a accesibilidade para o seu uso por persoas maiores ou, no seu caso, persoas con discapacidade.

As vivendas financiadas con cargo a este programa, que neste caso deberán destinarse ao alugueiro durante un prazo mínimo de 40 anos, unicamente poderán ser alugadas ou cedidas en uso ás persoas maiores de 65 anos ou a persoas con discapacidade (coas súas familias en caso de persoas tuteladas), cuxos ingresos, incluídos os de todas as persoas que constitúan a súa unidade de convivencia, non superen cinco veces o IPREM.

Ademais, os inquilinos non poderán dispoñer, no momento do alugueiro, de vivenda propia ou en usufruto, e o seu patrimonio, para os efectos da Lei do imposto sobre o patrimonio, deberá ser inferior a 200.000 euros.

O importe máximo das axudas será de 400 euros por metro cadrado útil de vivenda e non se terán en conta nin o garaxe nin o rocho. A contía máxima desta subvención non poderá superar o 40 por cento do investimento da actuación.

O prezo de alugueiro terá un tope que oscilará entre os 4,12 e os 5,23 euros por metro cadrado, segundo a área xeográfica.

 

Ingresos máximos dos inquilinos

Ámbito territorial

Renda/m 2 útil de vivenda

Renda/m 2 útil de rocho e garaxe

5 veces o IPREM

Prezo máximo superior

5,23 €

3,14 €

Zona 1

4,55 €

2,73 €

Zona 2

4,12 €

2,47 €