Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE E CONCELLO DE LAXE ESTUDARÁN POSIBLES VÍAS DE FINANCIAMENTO PARA REHABILITAR TRES ANTIGAS VIVENDAS DE MESTRES

• A conselleira Ángeles Vázquez mantivo unha reunión esta mañá co alcalde José Luis Pérez, quen lle trasladou tamén a súa intención de que o municipio se adhira este ano ao programa de vivendas baleiras da Xunta

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Laxe estudarán as posibilidades de colaborar nun proxecto municipal que ten como obxectivo acometer a rehabilitación dun grupo de antigas vivendas de mestres e poñelas no mercado para alugueiro social. Este foi o compromiso que asumiu a conselleira Ángeles Vázquez co alcalde José Luis Pérez durante a reunión que mantiveron hoxe para tratar diferentes asuntos de interese municipal en materia residencial.

Concretamente, o Concello de Laxe é titular dunha decena das chamadas vivendas de mestres, inmobles que antigamente os concellos lle asignaban aos profesores para vivir como un dereito vencellado á súa actividade profesional. Nun primeiro momento, e segundo a información que lle trasladou o rexedor, a intención do Goberno local é intervir só en tres destas vivendas, deixando para máis adiante o reacondicionamento das outras sete.

Neste sentido, a conselleira explicoulle que o programa da Xunta para rehabilitación de vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal convocouse por primeira vez hai tres anos coa intención de axudar a recuperar inmobles en concellos de menos de 20.000 habitantes para destinalos a alugueiro social ou a paliar situacións de emerxencia.

Antes de que remate o presente trimestre lembrou que se publicará unha nova convocatoria desta liña de axudas, polo que animou ao alcalde a acollerse á mesma para levar a cabo a rehabilitación das tres primeiras vivendas de mestres do concello.

Por outra banda, José Luis Pérez tamén aproveitou o encontro para trasladarlle á conselleira a súa intención de que Laxe se adhira este mesmo ano ao programa de vivendas baleiras da Xunta, creado en 2016 por convenio coa Fegamp como un instrumento ao servizo das entidades locais, que son as encargadas de sumar vivendas ao mesmo (de titularidade privada ou pública) e posteriormente, adxudicalas. Así, interesouse polos trámites necesarios a realizar e o procedemento a seguir desde o concello para formalizar canto antes a súa incorporación.