Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

O DIARIO OFICIAL DE GALICIA FAI PÚBLICA A MODIFICACIÓN DO PROXECTO SECTORIAL PARA A AMPLIACIÓN DO PARQUE TECNOLÓXICO DE VIGO

• Para posibilitar esta intervención, cunha superficie de 252.484 metros cadrados, foi necesario cambiar o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2020.-
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se fai pública a aprobación definitiva do proxecto sectorial para a ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico (PTL) de Vigo, presentado polo Consorcio da Zona Franca e aprobado polo Consello da Xunta o pasado 17 de abril. Con este trámite facilítase a ampliación deste espazo nunha superficie total de 252.484 metros cadrados, cunha edificabilidade máxima de 164.461 metros cadrados.

Cómpre lembrar que para facer posible esta ampliación foi necesario que a Xunta modificase previamente o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, aprobada polo Consello da Xunta o 29 de novembro de 2018. Con ela, cambiouse a configuración da ampliación do PTL, que inicialmente estaba prevista en tres espazos descontinuos, pasando a formar un único espazo, eliminando parte dos inicialmente previstos e engadindo outros novos co fin de mellorar o resultado da ampliación.

A actuación incrementará a concentración dunha serie de empresas de diversos sectores produtivos que contribuirán ao desenvolvemento económico e social da comunidade autónoma e moi especialmente, da comarca de Vigo.

De feito, a zona de influencia da intervención prevista excede os límites municipais, o que se traduce na existencia dun interese público xeral que motivou precisamente a súa inclusión no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia e que se desenvolvera a través dun proxecto sectorial.

Os solos que van formar parte da ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo sitúanse entre as parroquias viguesas de Beade e Valadares. O aeroporto de Peinador atópase a 10 quilómetros do ámbito, o Porto de Vigo a 8 km aproximadamente e a fronteira con Portugal, a 26 km.

O emprazamento da ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico, ten unha posición estratéxica ao estar nunha situación privilexiada respecto ao viario que articula a área metropolitana de Vigo. Deste xeito, conecta ao Norte co segundo cinto de Vigo (VG-20). A menos de 1 km de distancia a VG-20 conéctase coa Autovía do Val Miñor (AG-57) e a uns 3 kms do PTL atópase a ligazón coa Autoestrada do Atlántico (AP-9), que á súa vez conecta coa Autovía A-55 que une Vigo con Portugal e a Autovía das Rías Baixas (A-52) que comunica Vigo con Ourense – Benavente.