• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o rexedor municipal asinaron un
protocolo de colaboración polo cal o Concello tramitará a modificación do plan parcial e o
Instituto Galego de Vivenda e Solo executará as obras de urbanización
• Trátase da terceira fase do parque empresarial de Ribadavia, coa que se porán máis de
50.000 m2 a disposición dos empresarios da zona
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2020.- A conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou esta mañá ao alcalde de Ribadavia, César Manuel
Fernández Gil, a colaboración do Instituto Galego de Vivenda e Solo na ampliación do Polígono
empresarial desta localidade. Así se recolle no protocolo de colaboración asinado esta mañá pola
conselleira Vázquez e o rexedor municipal, polo cal o Concello de Ribadavia asumirá a modificación
do plan parcial actual, co fin de adaptalo á normativa actual aplicable, así como as esixencias de
sostibilidade requiridas.
Unha tarefa que -tal e como lle trasladou a conselleira- poderá coordinar cos servizos
técnicos en materia de uranismo do IGVS, que será o órgano promotor da actuación polo que
contratará e redactará os proxectos de urbanización e de parcelamento, sempre e cando se aprobe a
modificación parcial.
O seguinte paso será executar as obras de urbanización que serán asumidas polo Goberno galego
e que permitirán poñer a disposición máis de 50.000 m2 neste parque empresarial de Ribadavia.
Trátase de colaborar na materialización da terceira fase deste polígono empresarial, unha
área industrial promovida no seu día polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e cuxas fases
unha e dúas xa están completamente executadas.
Segundo manifestou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda é necesario que
que o Concello conte nun futuro con máis solo empresarial a través da execución desta nova
fase no polígono, tendo en conta que é a única área industrial que hai no municipio e que nas dúas
fases xa executadas non queda nestes momentos ningunha parcela dispoñible.