Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA REANUDA O PRAZO PARA A PRESENTACIÓN DE OFERTAS AO CONCURSO DE SOLO RESIDENCIAL CONVOCADO POR XESTUR

• Os interesados terán ata o vindeiro 7 de xullo para participar no proceso
• A empresa pública ofrece solo urbanizado para promover vivendas protexidas nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo e Pontevedra
• Poderá adxudicarse en réxime de compravenda ou en dereito de superficie, unha modalidade que nunca antes se ofertara nun concurso de solo residencial

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2020.- A Xunta de Galicia reanuda o procedemento para a presentación de ofertas ao concurso de solo residencial convocado pola empresa pública Xestur, cuxos prazos quedaron suspendidos a causa da covid-19. O prazo para poder participar rematará o vindeiro 7 de xullo ás 14:00 horas.

Por medio deste concurso público, o Goberno galego pon preto de 38.000 metros cadrados de solo residencial urbanizado a disposición dos promotores e cooperativas que queiran promover vivendas protexidas nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo e Pontevedra. Os interesados poden acceder ao prego das bases e á relación de parcelas ofertadas a través da páxina web de Xestur ou nas oficinas da empresa pública.

A adxudicación das parcelas poderá realizarse en réxime de compravenda ou, por primeira vez, en dereito de superficie. Esta segunda forma de adxudicación, que supón o pago dun canon anual reducido polo uso do solo, supón unha novidade nos concursos de venda de solo residencial propiedade da Xunta de Galicia, xa que ata o de agora unicamente se ofrecía na modalidade de compravenda.

As parcelas que se adxudiquen en dereito de superficie destinaranse obrigatoriamente á construción de vivendas protexidas para alugueiro, en réxime especial ou réxime xeral. O dereito de superficie terá unha duración de 30 anos.

Para a adxudicación terán preferencia as ofertas que vaian destinadas á construción de vivendas en alugueiro. No caso de empate entre dúas ou máis ofertas, valorarase a proposta arquitectónica, as solucións bioclimáticas e de sostibilidade, eficacia enerxética e outras melloras ofertadas.

Os adxudicatarios das parcelas terán a obriga de solicitar a licenza de edificación no prazo máximo de catro meses dende a formalización da escritura e as vivendas deberán construírse e cualificarse como protexidas no prazo máximo de 30 meses dende a concesión da devandita licenza.

Oferta por urbes
No conxunto das cidades ofrécense en total 23 parcelas, que permitirán a construción de 1.381 vivendas protexidas para as familias galegas.

Concretamente, no parque Ofimático da Coruña póñense a disposición nove parcelas, con edificabilidade para un total de 460 vivendas protexidas; en Ferrol a oferta comprende oito parcelas emprazadas no Bertón, cunha edificabilidade de 414 VPP; e en Lugo son dúas parcelas as dispoñibles en Garabolos, con edificabilidade para 370 vivendas. Finalmente, en Pontevedra existen catro parcelas en Valdecorvos, con edificabilidade para 137 vivendas protexidas.