Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA DESTINA PRETO DE 278.000 EUROS Á REPARACIÓN E MELLORA DE VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA NO CONCELLO DE MUGARDOS

• Licitadas as obras de remate do tellado inclinado colocado nun grupo de nove vivendas co obxectivo de evitar a filtración da auga de chuvia e reparacións no interior dos inmobles afectados polas filtracións

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2020.- A Xunta de Galicia destinará 277.297,38 euros ás obras de reparación e mellora dun grupo de nove vivendas de promoción pública (VPP) construídas no concello coruñés de Mugardos. Así consta na licitación publicada hoxe desta obra, que terá un prazo de execución máximo de cinco meses.

A actuación consistirá principalmente nos remates do tellado inclinado que se colocou, por trámite de urxencia, sobre a actual cuberta plana para evitar as filtracións da auga da chuvia ás vivendas, no que se investiron preto de 40.000 euros. Os remates consistirán na colocación de canlóns e baixantes e na instalación sobre o tellado do sistema de produción de auga quente con enerxía solar.

Tamén se repararán os paramentos verticais e horizontais do interior das vivendas que resultaron danados polas humidades, repoñendo os recebos e as pinturas orixinais e aqueles pavimentos que resultasen afectados.

Por último, vaise impermeabilizar, ademais, o patio exterior sobre o semisoto, para evitar filtracións nos garaxes. Nesta zona recolocaranse as lastras existentes no pavimento sobre unha membrana impermeabilizante con protección, para evitar a entrada de auga.

As empresas interesadas na licitación dispoñen dun prazo de 26 días para a presentación das súas ofertas.