• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá
con empresarios lucenses para trasladarlles os últimos avances e os próximos pasos do IGVS para
mobilizar máis solo industrial na cidade da Muralla
• O 95% das parcelas existentes na primeira fase do parque xa están vendidas
• A responsable autonómica lembra que os interesados en comprar solo nas Gándaras poden
beneficiarse dunha bonificación do 50% sobre o prezo oficial
Lugo, 18 de setembro do 2020-. O contrato para urbanizar a fase 2 do polígono
empresarial das Gándaras, en Lugo, adxudicarase o próximo mes de outubro. Así o avanzou esta mañá a
conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen subliñou a importancia
destes traballos para poder avanzar na ampliación deste parque e responder deste xeito á demanda de
solo industrial existente na cidade amurallada.
Precisamente, a conselleira mantivo hoxe unha reunión de traballo con representantes da
Asociación de Empresarios do Ceao e das Gándaras co fin de trasladarlles a situación actual deste
último polígono e os próximos pasos previstos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para
poñer máis superficie a disposición do tecido empresarial lucense.
Nestes momentos, o 95% das parcelas dispoñibles e urbanizadas no polígono –un total de 115-
están vendidas. Delas, máis de 90 xa contan con actividade empresarial e o resto, están en fase de
asentamento por parte das empresas que as adquiriron.
Por iso, Vázquez Mejuto resaltou que “é evidente” que a demanda de solo nas Gándaras
xustifica a súa ampliación, de aí a importancia de adxudicar canto antes a urbanización de 86.365
metros cadrados correspondentes á fase 2 do polígono.
Grazas a estes traballos, engadiu a conselleira, dotarase ao parque dunha ampla zona de
aparcadoiro cun total de 530 novas prazas, tamén se executará unha praza pública de máis de 6.000
metros cadrados e urbanizaranse dúas parcelas, unha das cales xa foi adxudicada.
En todo caso, avanzou tamén que a intención do seu departamento é acometer a medio prazo unha
nova ampliación nas Gándaras. Así, a chamada fase 3 permitirá incrementar a superficie do polígono
noutros 67.127 metros cadrados e porá a disposición das empresas máis solo industrial neste parque,
que se beneficia dunha bonificación do 50% dos prezos de venda desde que a Xunta puxo en marcha no
ano 2015 o seu programa de incentivos para favorecer a implantación empresarial en polígonos da súa
propiedade.
Modificación do proxecto sectorial
A previsión é licitar o próximo ano a urbanización desta terceira fase do polígono industrial
das Gándaras, da que se esperan obter 37 novas parcelas cunha extensión media duns 1.000 metros
cadrados, atendendo á propia demanda das empresas de terreos máis pequenos, tal e como explicou a
conselleira.
De feito, un dos motivos polos que a Xunta impulsou a modificación do proxecto sectorial
deste polígono, sometida a información pública este verán e que prevé aprobarse a comezos de 2021,
foi atender ás demandas do tecido empresarial e posibilitar así a adaptación do tamaño das novas
parcelas á superficie que habitualmente máis se solicita.
Cunha extensión total de 2.135.512 metros cadrados e un investimento por parte da Xunta de
preto de 40 millóns de euros, o polígono das Gándaras é contiguo ao do Ceao e ambos conforman unha
área de forte crecemento empresarial e industrial e cunha boa accesibilidade desde a A-6. Esta
localización garante as súas funcións de especialización, consolidación e reforzo da oferta
empresarial existente na capital da provincia.
Por este motivo, Ángeles Vázquez enmarcou a ampliación do polígono empresarial de Lugo no
obxectivo do Goberno galego de dotar ao conxunto de Galicia e, particularmente, a aquelas zonas con
máis necesidade de solo industrial de “novas oportunidades de negocio e de emprego” mobilizando
parcelas a prezos vantaxosos, grazas á súa política de incentivos e bonificacións.