Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE FALLARÁ NO MES DE DECEMBRO OS GALARDÓNS DA TERCEIRA EDICIÓN DOS PREMIOS DE ARQUITECTURA E REHABILITACIÓN

• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presidiu esta mañá a reunión do xurado destes premios, que recolle catro modalidades de galardóns e teñen unha dotación global de 24.000€
• Ángeles Vázquez salienta o impulso do Goberno á rehabilitación, coa aprobación da primeira norma nesta materia, a convocatoria de diferentes liñas de axudas para financiar actuacións e a convocatoria deste certame, para recoñecer a calidade das edificacións rematadas ou rehabilitadas en territorio galego

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2020
-. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que o fallo da terceira edición dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación en decembro. Así o concluíron os membros do xurado que esta mañá celebraron a primeira reunión -presidida por Ángeles Vázquez-, na que coñeceron as candidaturas presentadas. En total, presentáronse 67 candidaturas de actuacións realizadas nas catro provincias galegas e dous deses proxectos optan a dúas categorías diferentes.

Entre as actuacións presentadas salientan grandes proxectos que destacan pola súa innovación e funcionalidade, inmobles destinados a usos educativos que combinan o deseño e o servizo e a construción e rehabilitación de vivendas unifamiliares en distintos puntos de Galicia, que destacan polo seu moderno deseño e integración na contorna.

Os premios recollen catro categorías de galardóns, polo que das iniciativas presentadas 23 correspóndense co Premio de Arquitectura, 35 optan ao Galardón á rehabilitación e un terceiro, o Premio Especial á Sustentabilidade, co que se quere destacar a implementación dunha arquitectura responsable e comprometida co medio ambiente.

O premio á traxectoria profesional dun arquitecto galego, coa que recoñecer a especial contribución á arquitectura no territorio galego, pecha a lista de categorías dos premios, dotada cada unha dun premio metálico de 6.000 euros.

A conselleira recordou que tamén hai unha modalidade de mencións, reservada para destacar actuacións que non resulten premiadas, pero que o xurado considera merecedoras dun recoñecemento especial.

Galicia, referente
Ángeles Vázquez salientou que a Xunta é consciente do papel de Galicia como referente estatal en rehabilitación e do labor dos profesionais que engrandecen o rico patrimonio arquitectónico de Galicia.

Co fin de recoñecer esta excelencia da rehabilitación e da arquitectura galega, o traballo dos profesionais e a sustentabilidade nas construcións creáronse en 2016 os galardóns de Arquitectura e Rehabilitación. Este recoñecemento á rehabilitación complétase coa Lei de rehabilitación, coa que conta por primeira vez á Comunidade, e coas diferentes liñas de axudas que habilita o Goberno galego para financiar e colaborar na rehabilitación do patrimonio edificatorio de Galicia.

Para concluír, a conselleira destacou que o Goberno galego continuará impulsando medidas e ferramentas que protexan e polas en valor a paisaxe, o territorio e o urbanismo da Comunidade galega.